08/11/2013

Vista Alegre decide o líder en solitario de Primeira RFEF

Vista Alegre decide o líder en solitario de Primeira RFEF

A oitava xornada de Primeira División RFEF plántase en Vista Alegre cun grande espectáculo. O Burela FS Pescados Rubén terá a oportunidade de durmir mañá encabezando en solitario a clasificación nun gran duelo de titáns ante o outro colíder, o Atlético de Madrid Navalcarnero.



Ambas as escuadras chegan á pugna, que arrancará ás 18.30 horas, igualadísimas, con 19 puntos e coeficiente +21; as madrileñas avantaxan en goles a favor, 35 fronte aos 29 das mariñás, aínda que as locais teñen mellores números baixo os paus, con tan só 8 tantos encaixados en comparación cos 14 das visitantes.



“É un partido máis da liga, aínda que non podemos negar que ten connotacións diferentes, con motivación extra. Non é definitivo, pero si importante; os tres puntos darán o liderado en solitario, pero sobre todo son importantes para o cómputo final” explicaba Quico Otero, nunha semana na que non puido contar ao cento por cento nin con Patri, por unha lesión costal, nin con Lara, por motivos de saúde.



Galegas e capitalinas reencontraranse tras a Supercopa de España, con notable evolución dende setembro en ambas as filas. “Os dous equipos estamos máis rodados. Medirémonos a un rival que mellorou moito, tacticamente está moito máis organizado e será moi perigoso; no entanto, nós tamén nos coñecemos máis e somos un conxunto máis maduro” analizaba Quico Otero, que vaticina un partido moi igualado. “O que lea mellor o encontro e tome a batuta vai sacar máis rendemento das chegadas que teña” adiantaba.



“A afección sempre nos é fiel; esperamos que nos apoie coma sempre; a partir de aí nós temos que realizar o traballo que nos corresponde na pista para que saiamos todos contentos de Vista Alegre” concluía o viveirense.



As laranxas remataron a tempada 2012-13 con dobre triunfo sobre as madrileñas; proclamáronse campioas de liga na casa na penúltima xornada (5-1) e volveron impoñerse na final da Copa de España Bilbao 2013 (6-1). Os cadros actuais, con cambio de adestrador e xogadoras, volveu verse as caras na Supercopa, a dobre partido, con título para o Navalcarnero, que soubo aproveitarse da vantaxe como local 5-1, fronte ao 2-0 de Vista Alegre.




Selección Española. Lidia Mesías e Peque incorporaranse o domingo á expedición da Selección Española, que porá rumbo aos Azores para disputar dous amigables fronte a Portugal o martes 12 e o mércores 13 (19.30 horas, pavillón municipal de Angra do Heroismo).




Selección Galega. O martes tamén realizarán a súa segunda sesión con Galicia Sub-21 Lara Balseiro e Silvia Rubal; será no pavillón compostelán de Pontepedriña, ás 21.15 horas.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.