02/11/2013

O Burela FS continúa medrando

O Burela FS continúa medrando

O Burela FS Pescados Rubén volveu demostrar esta tarde a súa continua evolución. Os pupilos de Juanlu impuxéronse á revelación de Montesinos Jumilla FS (2-0) grazas a unha primeira parte de dominio absoluto e ataque efectivo e cun segundo período de solidez defensiva. Con estes tres puntos, os laranxas escalan á sexta praza (14 puntos), co soño da Copa cada vez máis preto, na semana previa á xornada de descanso.



 



A escuadra burelista saíu pisando forte á pista de Vista Alegre, consciente da importancia do que estaba en xogo. O asedio sobre a portería do Montesinos tivo o seu primeiro premio antes do segundo minuto, con Hugo. Tras as tentativas de Antoñito, a pase de Hugo (minuto 2), e Matamoros, nun control de lonxe (minuto 3), os de Juanlu puideron subir o 2-0 ao electrónico nun balón roubado que chocou contra o corpo de Yeray (minuto 6). Os murcianos, sen apenas marxe de movemento, non conseguiron adiantar filas ata o minuto 11; nesa primeira oportunidade, os paus evitaron o empate dos visitantes. Álex estivo moi acertado nunha loita formada na área laranxa co esférico para Rubén Zamora. Logo da intervención de Juanma de lonxe para intentar sorprender o meta de Montesinos, chegou o merecido 2-0, nun centro de Iago Míguez que meteu Pizarro baixo os paus en acción defensiva. Matamoros, no 17, e Mimi, en corpo a corpo co porteiro a falta de 20 segundos para finalizar o primeiro tempo, tiveron nos seus pés o 3-0. A bucina soou con Rubén Zamora como porteiro-xogador.




Tras o descanso, equilibrouse a contenda. O Jumilla viu a súa primeira oportunidade no minuto 22, cun disparo de Boyis desbaratado por Álex. A ocasión laranxa protagonizouna Matamoros a balón parado. O traballo defensivo intensificouse para os burelistas coa chegada de Edu, que substituíu no 23 a Álex, con molestias nun xeonllo tras un despexamento na recta final do primeiro período. Rozando o 30, Josiko intentou sorprender o porteiro naronés tras roubo a Hugo, sen éxito. En xogada de estratexia volveu dispor dunha ocasión de ouro o Pescados Rubén para sentenciar o encontro, con Antoñito, nun balón que sacou da escuadra Yeray. O equipo levantino volveu apostar polo xogo de cinco para a remontada, con Cristian, a falta de sete minutos para o final. As táboas do meta galego frearon as arremetidas do Jumilla, co apoio dunha defensa laranxa que permaneceu firme. Entre as máis perigosas, Edu saíu vitorioso nun envelenado man a man con Ique no minuto 35. Nos últimos segundos, Mimi tivo nas súas zapatillas o 3-0 a porta baleira, rozando o pau.



 




Ficha técnica



Burela FS Pescados Rubén: Álex, Mimi, Hugo, Matamoros, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Burrito, Iago Míguez, Isi, Juanma, Edu



Montesinos Jumilla FS: Yeray, Boyis, Ique, Chino, Pichi, cinco inicial; tamén xogaron Pizarro, Cristian, Rubén Zamora, Josiko, Baca, Rober



Goles: 1-0, minuto 1, Hugo; 2-0, minuto 14, Iago Míguez (Pizarro p.p.)



Árbitros: Felipe Madorrán // Gereta Ramírez (País Vasco)



Tarxetas: Por Montesinos, amarela a Cristian (minuto 34), Pizarro (minuto 37), Josiko (40)



Incidencias: Partido correspondente á novena xornada de Primeira División LNFS (Vista Alegre), emitido en directo por TVG2, con máis de 1.000 espectadores nas bancadas

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.