03/10/2013

Burela FS, preparado para deleitarse coa primeira festa do fútbol sala galego

Burela FS, preparado para deleitarse coa primeira festa do fútbol sala galego

O Burela FS Pescados Rubén conta as horas para o gran derbi. Hoxe pola mañá, o equipo de Juanlu deu por concluída a preparación para gozar da primeira festa do fútbol sala galego que vivirá esta tempada na máxima categoría. O Azkar Lugo FS saltará á pista cos mariñáns mañá, ás 21.00 horas (Municipal de Deportes).



As forzas estarán moi igualadas nunha cita repleta de emoción, ganas e ilusión. “Será un partido con alicientes especiais; os derbis sempre dispoñen dun compoñente emocional que constitúe un plus de motivación para todos, afeccionados e equipos” explicaba o adestrador burelista, Juanlu, mostrando a súa satisfacción pola evolución paulatina do cadro e confiando en que os resultados acompañen paseniño: “Estabamos preparados para un inicio difícil, pero somos conscientes de que vimos de facer un bo partido con ElPozo na última xornada. Esa boa imaxe dános confianza para seguir traballando” analizaba o madrileño.



O Burela FS chegará á cidade amurallada con 1 vitoria (Peñíscola 1-3) e 2 derrotas (Xota 1-2 e ElPozo 0-4), custodiando 3 puntos, 2 máis que o Azkar, que tan só puido puntuar con empate a semana pasada tamén ante Peñíscola (2-2). Precisamente á importancia de alcanzar a vitoria para calquera das dúas escuadras referiuse Juanlu. “As nosas expectativas céntranse en colocarnos na zona media-alta da táboa e conseguir outros tres puntos daríanos moita vida. Con todo, tamén é certo que Azkar comezou cun calendario moi complicado, leva tan só un punto, e necesítaos” explicou o técnico laranxa.



Transportistas e bureleses chegan en dous momentos moi diferentes como equipos, segundo advirte Juanlu. “O Azkar é un equipo máis traballado, cun proxecto de continuidade, mentres que nós necesitamos un pouquiño máis para dar o mellor de nós; quédanos traballo para poder encaixar as pezas e ofrecer a nosa mellor versión” matizaba o adestrador, identificando a defensa como a mellor virtude do gran rival desta xornada: “A forza do Azkar é a súa defensa; é intenso, ben organizado, concede moi pouco e comete poucos erros. Para nós é fundamental a posesión da pelota, que o balón circule e que non o cortocircuite o rival, que é o que mellor sabe facer” adiantaba o burelista.



Juanlu poderá dispoñer do cadro ao completo en perfecto estado. Configurarán a expedición, que partirá mañá sobre as 18.00 horas, Edu, Mimi, David ‘Burrito’, Iago Míguez, Isi, Juanma, Hugo, Matamoros, Christian, Álex, Carlitos e Antoñito. Nas filas de Diego Ríos, a única dúbida será Aranburu, con problemas de isquiotibiais, aínda que xa puido adestrar durante esta semana.



A Pataca Naranxa. O desprazamento de máis 150 afeccionados/as burelistas, mobilizados pola peña A Pataca Naranxa, contribuirá a encher as bancadas de cor, aos que se sumará medio cento máis de mariñáns que se trasladarán ata o Municipal de Lugo en vehículos particulares. O Burela FS Pescados Rubén non estará só. Máis de 200 almas brindaranlle apoio nunha gran festa do fútbol sala, na tentativa de alcanzar a segunda vitoria da tempada.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.