28/09/2013

Burela FS 0-4 ElPozo Murcia

Burela FS 0-4 ElPozo Murcia

Demasiado castigo sufriu esta tarde o Burela FS Pescados Rubén na visita do xigante ElPozo Murcia (0-4) á Mariña, nun encontro no que a efectividade dos levantinos tivo máis peso que a ofensiva dos locais.



Empezaba con garra e sen nervios o Burela FS Pescados Rubén. Xa no primeiro minuto de xogo Matamoros buscaba sorprender a Fabio cun disparo alto e rozando o 3 volvían á carga Mata e Hugo, nunha ardua pelexa na área visitante. Con todo, o perigo murciano non se fixo esperar demasiado. ElPozo tivo unha oportunidade de ouro a balón parado, no minuto 5, tras amarela a Iago Míguez; o lanzamento de Gréllo pegou en Bebe e saíu desviado; Raúl Campos tamén quixo poñer en apuros a Edu, recollendo o pase de Miguelín con elaboración de José Ruiz. Á terceira foi a vencida; a escuadra de Duda conseguiu bater a meta mariñá no minuto 7 cun contragolpe xestado no seu campo que culminou José Ruiz, tras unha serie de rexeitamentos baixo os paus laranxas. Pouco segundos despois Matamoros evitou que os visitantes ampliasen a distancia, despexando o esférico a piques de cruzar a liña.



A falta de tres minutos para o descanso, Mata acariñou o pau en disparo raso, logo de superar a defensa rival. Volveron intentalo os laranxas; malia que Bebe esmagou a Antoñito para frear o perigo burelista, Mimi puido rescatar o balón, a piques de entrar con el de cabeza na meta murciana. A recta final da primeira parte foi para os de Juanlu, con asedio sen tregua, pero a fortuna non estivo do lado de Vista Alegre; Hugo, por partida dobre, e Mata desaproveitaron os últimos cartuchos antes do descanso.



A segunda parte comezou costa arriba para os burelistas; cando apenas ían 40 segundos, Lolo Suazo subiu o 0-2 para ElPozo nun lanzamento limpo que se introduciu na rede por encima de Edu. A partir de aí, o traballo ofensivo recaeu nos da Mariña. Antoñito liderou a reacción dos mariñáns para intentar reducir as distancias; o dorsal 23 dispuxo de tres ocasiones marabillosas en tan só dous minutos, antes do 23, con Fabio como obstáculo nas dúas primeiras e a portería como repelente na terceira. Non baixaron os brazos os galegos, firmes en ataque, aínda que sen acerto na finalización. Tras o mísil de Burrito interceptado por Fabio no 28, tamén tivo traballo Edu, que desarmou a Raúl Campos, fronte a fronte, superado o ecuador do segundo período. O tándem Hugo-Mata reapareceu no 35; o internacional culminou unha xogada que volveu acariñar o pau. A falta de pouco máis de catro minutos, Mimi abandeirou o xogo de cinco para Burela FS en busca da remontada. Cando parecía que xa se podía celebrar o gol laranxa, Fabio, a porta baleira, converteuse no protagonista do 0-3 murciano logo de que a defensa tombara a Hugo nunha magnífica ocasión laranxa na área de ElPozo. Con protesta xeneralizada na bancada, o 0-4 final chegou grazas a Miguelín no último minuto, asistido por Gréllo.



Ficha técnica



Burela FS Pescados Rubén: Edu, Isi, Hugo, Matamoros e Antoñito, quinteto inicial; tamén xogaron David ‘Burrito’, Mimi, Juanma, Iago Míguez, Christian



ElPozo Murcia FS: Fabio, Juampi, Lolo Suazo, Bebe e Álex, quinteto inicial; tamén xogaron Miguelín, Gréllo, Raúl Campos, José Ruiz, Jesús



Goles: 0-1, minuto 7, José Ruiz; 0-2, minuto 21, Lolo Suazo; 0-3, minuto 37, Fabio; 0-4, minuto 39, Miguelín



Árbitros: Contreras Tejedor // Pérez Álvarez (Castela e León)



Tarxetas: Por Burela FS amarela a Iago Míguez (minuto 5), Hugo (minuto 20), Matamoros (minuto 23), Mimi (minuto 26). Por ElPozo amarela a Bebe (minuto 17)



Incidencias: Partido correspondente á terceira xornada de Primeira División LNFS disputado en Vista Alegre. Xogadores de Burela FS e ElPozo Murcia posaron xunto a Sofía Méndez, representante da Asociación Piel de Mariposa (DEBRA España), coincidindo coa Fila 0 habilitada no pavillón para devandito colectivo. Antes do asubío inicial gardouse un minuto de silencio polo falecemento de Raquel González, irmá do porteiro laranxa Álex. Arredor de 1200 afeccionados/as.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.