05/08/2013

O CD Burela FS pon en marcha a Campaña de Socios/as 2013-14 'Horizonte Laranxa'

O CD Burela FS pon en marcha a Campaña de Socios/as 2013-14
'Horizonte Laranxa'

O CD Burela FS Pescados Rubén pon en marcha a Campaña de Soci@s 2013-14 coincidindo co comezo de pretempada. ‘Este ano o sol volverá saír… Horizonte Laranxa’ nútrese do alento da sempre incondicional afección para que A Mariña siga gozando da maxia do fútbol sala na elite e por partida dobre, con metas máis altas.



O vídeo que encabeza a campaña, elaborado por A Caixa Escura Producións,   apodérase da verdadeira enerxía dos equipos sénior feminino e masculino, do segredo da súa fortaleza, da alma da Bomboneira. Iago Míguez e Paula Cortiñas simbolizan a inquebrantable confianza que a Familia Laranxa ten depositada na bancada de Vista Alegre para alcanzar ese precioso ‘Horizonte Laranxa’, para seguir facendo historia no fútbol sala galego, referendar os éxitos acadados e continuar convertendo os soños en realidade.



Valados publicitarios, carteis informativos, redes sociais e prensa completan a campaña xunto ao vídeo de BurelaFS TV, ao que xa se pode acceder.



 



Socios/as



Segundo o aprobado na Asemblea de Extraordinaria do pasado 11 de xuño, os socios/as disporán de 6 modalidades de abonos para 2013-14. No que respecta ás tarifas convencionais, de idade adulta, preséntanse o Abono Individual (90 euros) e o Abono Familiar (150 euros), que ofrece a posibilidade de acceder ao pack desconto de 2 carnés, acreditando a relación de parentesco entre os socios/as, excepto os abonados/as antigos, aos que o club premiará a súa fidelidade mantendo os beneficios de Dúo (150 euros). Dentro das tarifas especiais, o club laranxa ofrecerá o Abono de Estudante (40 euros), destinado a persoas entre os 18 e os 25 anos que xustifiquen a condición de estudante, Abono Xuvenil (de 14 a 17 anos), por tan só 30 euros para toda a tempada, e o Abono de Xubilado (60 euros). Nesta nova tempada incorpórase o Abono Infantil (de 0 a 13 anos), por 10 euros. Tamén como novidade, en 2013-14 os socios/as laranxas terán a oportunidade de facer Reserva de Asento para toda a tempada en Vista Alegre co custo de 100 euros; na categoría Familiar poderán reservarse dúas localidades (150 euros).



O pagamento realizarase nunha soa cota, ben por domiciliación bancaria, ben á recollida do abono a principios de tempada.



Na páxina web do CD Burela FS, xa teñen á súa disposición o formulario de socios/as 2013-14, que poden cubrir e enviar por correo electrónico (burelafs@burelafs.org), sen saír do seu domicilio. Para máis información, poden acudir á sede laranxa (avenida Arcadio Pardiñas, número 91, baixo, Burela) ou chamar ao número de teléfono 982 58 18 15.



 



Entradas para Non Socios



Os prezos das entradas para os non socios serán de 12 (adulto/a), 5 (xuvenil, 14-18 anos) e 3 (infantil, 0-13 anos) euros para presenciar os encontros de liga na Primeira Masculina e 5 euros (tan só aldultos/as) na Primeira Feminina.



 



Abonos para tempada 2013-14:



Individual: 90 euros
Familiar: 150 euros
Xubilado: 60 euros
Estudante (18-25 anos): 40 euros
Xuvenil (14-17 anos): 30 euros
Infantil (0-13 anos): 10 euros



Reserva de asento: 100 euros (150 euros para Familiar coa reserva de dúas localidades)

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.