26/04/2013

Unha cancha histórica, na despedida burelista a domicilio

Unha cancha histórica, na despedida burelista a domicilio



O Burela FS Pescados Rubén despedirá os compromisos a domicilio da súa primeira tempada na máxima categoría nunha das canchas históricas. Desde a cuarta praza (50 puntos), o Caja Segovia recibirá os laranxas mañá ás 18.30 horas, no Pedro Delgado, na penúltima xornada de Primeira División LNFS.

A escuadra de Juanlu chegará a Segovia coa resaca da celebración por alcanzar o obxectivo e poder soñar outro ano co espectáculo da elite. “A permanencia xa é realidade, pero iso non será escusa para a relaxación. Unha cancha tan bonita, unha grande histórica do fútbol sala, é motivación suficiente para que calquera xogador ofreza o mellor e máis no noso caso, que teremos o apoio da nosa afección a máis de 500 quilómetros da casa. Ese xesto obríganos a dalo todo” explicou o adestrador laranxa agradecendo o alento de máis de medio cento de afeccionados da peña A Pataca Naranxa que se desprazarán mañá a terras castelás.

A expedición mariñá partiu hoxe ás 14.30 horas con 11 integrantes, coas baixas de Nacho Pedraza, intervido o luns pasado do seu xeonllo esquerdo, e Iago Barro, que sufriu unha fractura nun dedo da man esquerda durante un adestramento esta semana. Entrou na convocatoria o meta burelés Brais, do equipo de Terceira División.

No vestiario local serán baixas Gonzalo, que continúa reforzando o xeonllo; Murga, recentemente operado de menisco; e Víctor, ao que están facendo probas para saber de onde lle vén a doenza estomacal. David Madrid contará cos xuvenís Jorge e Sergio.

O técnico cajista asegurou que será un partido moi complicado cun rival moi diferente ao da primeira volta: “É un conxunto moi avezado, que conseguiu o obxectivo marcado a principio de tempada; coa vitoria en Santiago  fortaleceuse moito”. Os pupilos de Juanlu deberán medir as súas forzas a un rival que apostará por “manter a posesión do balón como a mellor defensa do conxunto segoviano”, segundo confesou o seu adestrador.


Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.