20/04/2013

Táboas no espectáculo lucense da elite (2-2)

Táboas no espectáculo lucense da elite (2-2)

Burela FS Pescados Rubén e Azkar Lugo festexaron este mediodía en Vista Alegre o espectáculo lucense da elite con empate (2-2), nunha xornada na que se materializou a permanencia matemática dos laranxas en Primeira División tras a derrota de onte do Puertollano ante o Triman (2-1). O numeroso público da bomboneira puido asistir a un encontro moi aberto, con iniciativa laranxa sobre o luminoso e numerosas oportunidades para ambas as escuadras, onde cobraron especial protagonismo Edu e Óscar Igrexas.



Tras tímidas aproximacións de Isi, primeiro, e Aranburu e Iago Rodríguez despois, a punto de cumprirse o minuto 3 de xogo, Mimi adiantaba os de Juanlu, nun disparo desviado por Jhony. O trepidante encontro, bastante equilibrado, atopou a igualdade no luminoso pouco despois, no minuto 5, ao aproveitar Juanpe un rexeitamento. Volveron os mariñáns á carga, con ocasións de Iago Míguez de lonxe, no minuto 8, e Matamoros en carreira, no 9. O dardo envelenado de Juanpe roldando o ecuador da primeira parte, desencadeou no acoso laranxa con moitísimo traballo para Óscar Iglesias, que freou envites de Mata, Mimi e Juanma. No minuto 17, reapareceu a maxia de Edu para frear primeiro un mísil de Juanpe e segundos máis tarde un man a man con Jandri. O Burela FS púidose ir ao descanso con vantaxe nunha acertadísima tentativa de Mimi, a pase de Iago Míguez, que se quedou en liña de meta abalanzándose sobre Óscar.



Ao regreso, o cadro de Juanlu mostrou unha faceta máis incisiva en ataque, con magníficas oportunidades de Mimi e Mata nos lances iniciais; mentres Edu estaba aí como garantía para a escasas chegadas transportistas, entre as máis perigosas as de Cuco (minuto 22) e Diego Núñez (minuto 28). Os laranxas continuaron o seu asedio ofensivo; sobre o minuto 30, o lucido control de Mata, superando ao meta lugués, levantou o aplauso frenético da marea laranxa aínda que se topou coa defensa rival. Pero por fin chegou o gol tan esperado; no 31, Hugo volveu avantaxar os locais, ao conectar un potente chut na área. Cesinha e de novo Hugo, no 32, puxeron sobre as cordas a Óscar. O acerto tan perseguido polos burelistas, si que o soubo atopar Cuco, moi ferinte en ataque durante todo o encontro, restando pouco máis de cinco minutos para o final; o transportista marchou en carreira perseguido por Mimi e superou a Edu, anotando de novo o empate. Con 2-2 e no último minuto, a complicidade entre Isi e Mimi e máis tarde entre Mata e Hugo crearon un enorme perigo; Iago Míguez tamén o intentou de lonxe.



Ao final do encontro, o equipo burelista mostrou o seu apoio a unha iniciativa veciñal en defensa dos servizos do Hospital da Costa de Burela, posando xunto a unha pancarta reinvindicativa.




 



 



Ficha técnica



Burela FS Pescados Rubén: Edu, Mimi, Iago Míguez, Isi e Matamoros, cinco inicial; tamén xogaron Hugo, Cesinha, Juanma, Christian



Azkar Lugo FS: Óscar Iglesias, Jandri, Antonio Diz, Aranburu e Iago Rodríguez, cinco inicial; tamén xogaron Cuco, Jhony, Juanpe, Diego Núñez



Goles: 1-0, minuto 2, Mimi; 1-1, minuto 4, Juanpe; 2-1, minuto 31, Hugo; 2-2, minuto 34, Cuco



Árbitros: Gutiérrez Lumbreras e López Díaz (Madrid)



Tarxetas: Por Azkar, amarela a Óscar Iglesias (minuto 31). Por Burela FS, amarela a Iago Míguez (31), Mimi (34)



Incidencias: Partido corresponiente á 24ª xornada de Primeira División LNFS, emitido en directo por Marca TV; o transportista Cuco foi nomeado mellor xogador do encontro. Arrededor de 1.100 espectadores

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.