16/02/2013

Burela FS 2-4 Umacón Zaragoza

Burela FS 2-4 Umacón Zaragoza

O Burela FS Pescados Rubén non puido renderlle unha nova vitoria hoxe á afección de Vista Alegre. Os pupilos de Julio Delgado tiveron que enfrontarse a un Umacón Zaragoza (2-4) moi dinámico, co pesado lastre da desvantaxe no electrónico ao longo do encontro.



Os primeiros compases transcorreron con cautela por parte de ambas escuadras, sopesando os seus movementos e resistíndose a ceder o control do balón. Antes de cumprirse en segundo minuto de xogo, Matamoros avisou cun potente disparo desde media pista, pero foi o Umacón o que conseguiu o primeiro premio, tras unha perda laranxa que coou Carlos por baixo de Edu. Os maños incrementaron a súa presión e as chegadas con perigo. Tras un par de saídas acertadas de Edu, bastante activo, Vista Alegre a punto estivo de cantar o primeiro gol laranxa, no minuto 11, tras unha meteórica galopada de Matamoros e proxectil que despexou Didac. Foi precisamente na continuación desa xogada cando o Umacón aproveitou para ampliar distancias, á contra; Retamar cedeu o esférico na área burelista a Edu Duato, que só tivo que empuxar. O tempo solicitado por Julio Delgado impulsou aos mariñáns en asedio; o gol laranxa chamaba ás portas de Didac. Intentárono Cesinha e Christian en varios lanzamentos, entre o 14 e o 16, dous minutos que atoparon a recompensa nunha gran volea de Christian, aproveitando o córner de Enrique. Co 1-2, o encontro adquiriu un ritmo máis frenético, coa procura da igualada para Pescados Rubén. Nos últimos segundos a portería maña evitou un par de tentativas de Iago Míguez, moi envelenadas.



A segunda parte comezou con ataque laranxa. Matamoros e Cesinha protagonizaron a primeira oportunidade clara, tras falta de Carlos aos 15 segundos do reinicio. En torno ao 22, Iago Míguez chegou demasiado tarde para introducir un pase cruzado na liña de meta rival e, pouco despois, o balón de Cesinha, tras roubo de Matamoros, topouse con Didac. No entanto, o Umacón non tivo tantos miramientos; cunha defensa moi adiantada conseguiron frear as embestidas mariñás e, cando máis o merecían os locais, aproveitaron oportunamente un despexamento errado dos laranxas no seu propio campo para anotar o 1-3, nas zapatillas de Keny (minuto 28). Subindo de voltaxe o encontro, Juanma deulle a Vista Alegre o 2-3, a pase de Isi en xogada de estratexia, ao bordo da área. Os rivais reaccionaron con porteiro-xogador, aínda que por breve tempo. Máis insistentes foron os burelistas, que se lanzaron no 37 a por o electrónico con xogo de cinco, liderado por Juanma, ante unha defensa practicamente infranqueable coa que a portería tamén estaba hoxe aliada. A falta de dous minutos para o final, Chicho subiu o definitivo 2-4 ao segundo pau, tras saque de banda. O Burela FS Pescados Rubén non cesou na súa pelexa con porteiro-xogador para recuperarse pero o tempo esgotouse sen recompensa.



 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.