02/02/2013

Comeza a revolución, a revolución laranxa: Burela FS 7-4 Marfil

Comeza a revolución, a revolución laranxa: Burela FS 7-4 Marfil

O renovado proxecto laranxa falou en Vista Alegre. O Burela FS Pescados Rubén subiu esta tarde a súa primeira vitoria en Primeira División nun encontro repleto de goles ante o Marfil Santa Coloma (7-4), con hat trick inicial do sublime Matamoros. Con estes tres puntos o equipo de Julio Delgado sae do fondo da táboa, con 7, por diante de Colegios Arenas Gáldar, con 5. Comeza a revolución, a revolución laranxa!



Os da Mariña non deron opción, con Matamoros como estandarte. Estreándose de laranxa, o madrileño enseguida fixo estalar o xúbilo na bomboneira con hat-trick sen apenas tomar alento, primeiro asistido por Cesinha desde os 10 metros, no minuto 2, e no 3 de lanzamento cruzado axustado ao pau e ao capturar un saque posto de Isi. Os de Marfil, sen amilanarse, tamén atoparon amparo no pichichi da categoría; así Dani Salgado subiu o 3-1, no minuto 5. Tras certas dúbidas nas filas burelistas e unha oportunísima saída de Edu, roldando o ecuador da primeira parte, Juanma, en combinación con Matamoros, ofreceulle o 4-1 ao mausoleo burelista (minuto 11). Segundos máis tarde a golapada de Christian pola banda, recentemente aterrado na pista, serviu de adianto para o 5-1, de Cesinha. Antes do descanso, Hugo, nun par de chegadas, e Cesinha, desencadearon o nerviosismo na defensa de Santa Coloma.



Volveron ambas as escuadras á pista de Vista Alegre cun xogo menos frenético. Envorcouse o Marfil en Dani Salgado para xerar perigo e adiantou a zona de presión. Resistiu a concentración en defensa o Burela FS, con magníficas intervencións de Edu e creando perigo á contra. No 26, Cesinha a punto estivo de subir o sexto, tras roubo de Mimi no seu propio campo. Tras a segunda amarela do brasileiro, Dani Salgado volveu atopar unha pequena fenda nas proximidades da portería local, subindo o 5-2 (minuto 29). Sepe enfundou a camiseta de porteiro-xogador para despregar a artillería marfileña; os burelistas perdoaron en contraataque, de Juanma, e a porta baleira. Foi entón cando o contundente Dani Salgado volveu aparecer para reducir ata o 5-3 (minuto 36). Faltaban pouco máis de 2 minutos e Nacho Pedraza avisaba do sexto; segundos máis tarde Isi culminaba o seu debut en Vista Alegre coa autoría do 6-3, que ampliaba Hugo a porta baleira (7-3), xa outra vez con xogo de cinco dos visitantes. Os pés de Iago Míguez desaproveitaron unha sensacional oportunidade tamén sen gardameta, no último minuto. Os marfileños, sen desfalecer, seguiron intentándoo, a falta de 40 segundos Dani Salgado marcou o seu cuarto gol de partido (7-4), sen marxe para máis.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.