25/01/2013

Á espreita do líder, sen opción ao descoido (sábado, 18.30 horas)

Á espreita do líder, sen opción ao descoido (sábado, 18.30 horas)

O Burela FS Pescados Rubén comeza a segunda volta de Primeira RFEF, coa visita do Lacturale Orvina, oitavo na táboa (22 puntos). As pupilas de Javier Pardeiro estrean o ano en Vista Alegre mañá (18.30 horas) á espreita do líder, Atlético de Madrid Navalcarnero (35), con todos os sentidos adestrados para esquivar calquera tipo de descoido e manter a segunda praza (32) da máxima categoría a recado.




O equipo laranxa pelexará por recuperar a vitoria tras o anecdótico covo na pugna polo cume ante as madrileñas (5-3). Javier Pardeiro advirte da dificultade da cita: “É un cadro con calidade e profundidade; nos últimos anos fixo unha gran aposta por reforzarse, sobre todo este ano, coa presenza de Berta, de Gironella, Sara Iturriaga, Atlético, e Burgui, Centelles”. “Na primeira volta vímonos obrigadas a remontar un 3-0 para acabar cun traballado e merecido empate (3-3); na casa debemos ser nós quen marquemos as pautas” adiantou o estratega laranxa, incidindo na gran perigosidade do Orvina: “A clasificación non reflicte realmente o seu potencial; desde a segunda xornada ata a semana pasada tiveron lesións importantes e iso debilitounas; a Burela chegarán en plenas facultades”.



 



Precisamente nesta cuestión o técnico rival, Leandro Fernández, non esconde o seu xúbilo: “Por segunda semana consecutiva, témolas a todas dispoñibles, ademais cada vez o grupo está máis conxuntado e iso fai que se adestre a grande intensidade, aínda que sabemos que se queremos seguir arriba, debemos mellorar en defensa, para non encaixar tantos goles, porque ao final é certo que somos un equipo que facemos gol, pero tamén recibimos moitos, polo que neste partidos teremos moito traballo”. “Nós viaxamos con moita ilusión, o empate conseguido a semana pasada en Ourense (4-4), cunha segunda parte moi agresivas en defensa, remontado dous goles en contra, serviunos para ver que podemos xogar de ti a ti aos equipos grandes tamén fóra da casa, polo que se mantemos a concentración defensiva e estamos acertadas na finalización, poderemos chegar ao final do partido con opcións de sumar” afirmou o navarro.



 



O vestuario burelista dispoñerá de todos os seus efectivos, a excepción de Haydee, inmersa na última etapa da súa recuperación. A convocatoria visitante estará configurada por Rebeca e Ana como porteiras e Andrea, Sara Iturriaga, Maite Villanueva, Mai Garde, Bea Mateos, Maialen Arana, Berta Velasco, Sandra Soto, Anna Burgui e Bea Garde.



 



Rivais. Navalcarnero, desde a primeira praza, e Valladolid (30), terceiro, teñen por diante unha 16ª xornada bastante amable, a priori, coa visita de Viaxes Amarelle (penúltimo) e o recibimiento de Cidade das Burgas (antepenúltimo), respectivamente. Máis complicado preséntaselle o reto a outro dos rivais próximos das laranxas, o UA Alicante, que deberá defender o cuarto posto (29) en duelto directo con Cidade de Alcorcón (28).



 

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.