27/12/2012

O I Trofeo do Nadal Mariñán de Imdecum arrinca coa experiencia vital de Pulpis

O I Trofeo do Nadal Mariñán de Imdecum arrinca coa experiencia vital de Pulpis

O I Trofeo do Nadal Mariñán de fútbol sala base que organiza a Fundación Imdecum arrincou esta tarde apadriñado polo adestrador da Selección de Uzbekistán, José María Pazos ‘Pulpis’ (Lugo, 1974). Xunto ao secretario de Imdecum, José Luis Sáez, o técnico galego compartiu anécdotas da súa dinámica traxectoria no fútbol sala e a súa experiencia vital co numeroso e novísimo público que se deu cita no IES Monte Castelo de Burela.



Baixo o título ‘O camiño á elite’, Pulpis falou da diferenza de mentalidade futbolística entre Asia e Europa, do seu paso por Tailandia e a súa última aventura, en Uzbekistán, un país no que o fútbol sala aínda é un deporte que se está comezando a coñecer e practicar. Tamén recordou con emoción a Recopa de Europa co Lobelle de Santiago (2006-07) e con moita amargura e tristeza a promoción de descenso co Azkar. Ademais, fixo fincapé nas últimas tendencias de xogo en España e recordou a grandes xogadores da historia da mellor liga do mundo.  O ata o 31 de decembro seleccionador de Uzbekistán concluíu a charla interesándose polos gustos e inquietudes dos novísimos asistentes.



Calendario



Un total de 7 clubs da provincia luguesa, e 17 equipos distribuídos entre as categorías de benxamín e xuvenil, daranse cita na Mariña para despedir o ano. Os pavillóns Vista Alegre e Monte Castelo acollerán a competición de base entre mañá e o sábado coa presenza de Cidade de Viveiro, AD A Mariña FS, Ribadeo FS, EDM Cervo, AD Santiago de Foz, ED EON Burela FS e Sarria-Peña Españolista.



O Trofeo comezará cunha primeira eliminatoria, con partidos de corenta minutos (2 tempos de 20) para todas as categorías. Os dous primeiros de grupos accederán á fase final, que se disputará o sábado pola tarde en Vista Alegre, a partir das 16.00 horas. A entrega de trofeos porá o broche ao fútbol sala no Nadal Mariñán, ás 20.00 horas.



 



FONTE: Fundación Imdecum

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.