13/12/2012

O Burela FS B visita a pista do IES Coruxo, rival directo

O Burela FS B visita a pista do IES Coruxo, rival directo

Despois dunhas merecidas minivacacións, a liga de Terceira e o Burela FS Pescados Rubén B volven á competición coa visita á pista do C. de Vigo IES Coruxo, rival directo co que está empatado a 18 puntos na tentativa de acceder ao ecuador clasificatorio e que está dando que moito que falar entre os de arriba. O municipal das Travesas recibirá o duelo o sábado, ás 17.00 horas.



O cadro de Iván Cao, Lucas, volveu aos adestramentos o martes con moitas ganas para referendar o xogo e as boas sensacións despregados na anterior xornada, no derbi ante o Superti Rececende (5-1), e co preaviso de que os vigueses veñen de dar a sorpresa, impoñéndose ao líder. “Sabemos que non será doado; o rival venceu no último encontro ao Esteo (3-5) e nunha pista inimiga e no anterior tamén lle gañou ao terceiro, 5 Coruña FS (6-1)” expresou Andrés Míguez (Viveiro, 1993), máis coñecido como Souka, que vive a súa segunda tempada nas filas laranxas, tras incorporarse ao cadro xuvenil en 2011-12 dende a canteira da cidade do Landro.



A pesar das referencias máis recentes, o mariñán amósase ilusionado e ve a fronte despexada para regresar cos tres puntos para os laranxas: “Aínda así nós iremos preparados para gañar, a imaxe á que ten que agarrarse o Burela é a que ofrecemos ante o Superti, ese é o camiño a seguir. Cun xogo rápido e defendendo ben o partido será noso” dixo con seguridade Souka, que xa asinou 6 dianas, como unha das máximas ofensivas xunto a Fabio (12), Carlitos (7) e Keko (6).



“Esta é unha categoría esixente e con xente moi veterana; algúns partidos non os estamos rematando ben por inexperiencia, pero creo que xa maduramos moito dende o comezo de tempada e aínda nos queda por diante moita marxe de mellora ata final do exercicio” sentenciou o burelista.



 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.