09/11/2012

O Burela B visita a pista do pechacancelas

O Burela B visita a pista do pechacancelas

A novena xornada de Terceira División envía o Burela FS Pescados Rubén B a Marín, á pista do pechacancelas, Grupo7a CAFYD, unha oportunidade a priori excelente para que os laranxas continúen a boa etapa de resultados e se manteñan por riba do ecuador clasificatorio. O encontro será o domingo, no pavillón A Raña, ás 12.30 horas.



Para o xuvenil Carlos Valle Izaguirre, máis coñecido como Carlitos, non pode haber dúbidas na resolución deste compromiso: “Este é un partido que temos que gañar se queremos continuar pelexando na liga; despois de medirnos aos favoritos precisamos darlle continuidade a esta boa etapa e conseguir todos os puntos”. O burelista, que se atopa como peixe na auga na súa primeira experiencia “cos maiores”, é verdadeiramente optimista fronte a un rival que só puido sumar dous puntos, ante O Carballiño (3-3) e Eypar (5-5), na quinta e sexta xornada respectivamente: “Somos un equipo sen experiencia, con xogadores moi novos, pero estamos conseguindo posicionarnos; véxonos con posibilidades” augurou o xogador laranxa.   



Carlitos, unha das referencias goleadoras do conxunto de Lucas, afronta moi decidido este novo envite co Burela B nunha gran semana, repleta de oportunidades co equipo sénior, en Copa e amigable, ademais do chamamento de Galicia Sub-19. “É unha honra que Julio Delgado conte con nós e que os xogadores nos axuden para que nos sintamos un máis, para que esteamos cómodos tanto nos adestramentos coma na pista”, expresou o burelao, que ve a primeira convocatoria do combinado galego como “unha porta máis que se me abre no fútbol sala, unha experiencia que vivirei ademais con compañeiros de Burela”.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.