15/10/2012

Juanma será intervido da súa hernia discal

Juanma será intervido da súa hernia discal

O capitán do Burela FS Pescados Rubén, Juanma Marrube, será intervido na Coruña o mércores para previr a posible recaída da hernia discal que sofre dende o mes de setembro. O neurocirurxián Manuel García Fantini será o responsable da operación do xogador no hospital Modelo, para ser sometido a cirurxía venres.



Despois de realizar diferentes probas e recibir opinión de varios especialistas, Juanma, apoiado polo CD Burela FS e o seu corpo médico, decidiu pasar polo quirófano para “eliminar a lesión e evitar molestias reincidentes”, desbotando a posibilidade do chamado tratamento conservador. “Probablemente é unha doenza coa que levo xogando anos, que non se manifestou ata agora. Cun tratamento conservador podería remitir, pero sen garantías de desaparición total; a opción da cirurxía, porén, é máis un pensamento de futuro, para atallar o problema”, xustificou deste xeito o xogador laranxa a súa decisión.



O alfocego amosouse “tranquilo e concienciado da doenza que teño e de como erradicala”. “É unha enfermidade bastante máis común do que me parecía no deporte, con excelentes resultados na cirurxía preventiva, como nos casos dos futbolistas Alberto Lopo ou Gonzalo Higuaín” dixo animado o capitán burelista, confiando “nas garantías de poder continuar coa miña carreira”.



Dous meses para reincorporarse



A intervención de Juanma terá unha duración aproximada duns corenta minutos. O proceso de recuperación, antes de reincorporarse á actividade deportiva, será de dous meses, período no que o pivote laranxa poderá pasear e facer exercicios de fortalecemento da zona afectada.



“Teño moitas ganas de volver, pero sen présa; o corpo irá marcándome o regreso” dixo Juanma, que durante o seu restablecemento cambiará a dedicación na pista polo apoio moral e anímico: “Seguirei totalmente involucrado na dinámica do equipo. Agora toca apoiar nos adestramentos, no vestiario e dende a bancada” concluíu o capitán burelao.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.