04/10/2012

Umacon Zaragoza-Burela FS (venres 5, 21.00 horas)

Umacon Zaragoza-Burela FS (venres 5, 21.00 horas)

O Burela FS Pescados Rubén disputará mañá a 4ª xornada en Zaragoza, con tan só 48 horas para repoñerse (Siglo XXI, 21.00 horas). Poderase seguir en Onda Portillo.



“É certo que chegamos un pouco máis minguados fisicamente pola carga dos dous partidos anteriores en tan só cinco días, pero con iso xa contabamos na preparación. O que máis me preocupa quizais sexa o estado anímico: como equipo xa fixemos borrón e conta nova para plantarlle cara ao vindeiro rival, todos debemos evitar que a cabeza se nos vaia a calquera outro partido que non sexa o Umacón” advertiu Julio Delgado.



 



Barcelona 8-0 Burela FS



Onte o Burela FS Pescados Rubén disputou a 5ª xornada da máxima categoría ante o arquirrecoñecido FC Barcelona Alusport, vixente campión de Europa, cun duro marcador en contra (8-0). O Palau Blaugrana non revelou nada novo: o conxunto laranxa puido conter a furia dun rival doutra liga, a das estrelas, no tramo inicial, unha furia que se desatou en vendaval con catro tantos nos últimos dez minutos.



A escuadra de Julio Delgado, sen os alicerces de Juanma e Edu, freou a circulación catalá nos primeiros compases, pero o movemento de rotacións impulsou o asedio do Barça. Aicardo inaugurou o luminoso, no minuto 8, dun potente dereitazo e, poucos segundos despois, materializou Igor. “Con 2-0 recuperamos as boas liñas defensivas iniciais, tras solicitar un tempo morto e incluso puidemos dispoñer dun par de chegadas con perigo” explicou o adestrador dos laranxas, que tiveron unha grande oportunidade de reducir distancias en Dani Martín, tras un erro de Sergio Lozano, pero bateu co efectivo Cristian.



“Co descanso intentámonos reforzar para continuar no partido, pero eles seguían cunha aptitude óptima e a partir do 3-0, de Fernandao, fíxosenos inasumible” sentenciou o técnico laranxa, que nese momento decidiu “dosificar os xogadores, para non castigalos de cara á cita de mañá en Zaragoza, e intentar dar a mellor imaxe posible”.



O encontro estivo presidido polo seleccionador nacional, José Venancio López, e o director xeral do CD Burela FS, José Luis Sáez, xunto a representantes da entidade barcelonista.



Caras novas



Xunto ao debut de Iago Barro baixo os paus, tamén se estrearon en Primeira División os novísimos Antón e Fabio, que “entraron nas rotacións da primeira parte, con opción de disputar minutos moi bos” e o meta Erick, “saltando á pista na recta final, despois de recibir un pelotazo Iago Barro e estando xa advertido cunha tarxeta amarela”, segundo valorou Julio Delgado.



 



Ficha técnica



FC Barcelona Alusport: Cristian, Ari, Lin, Saad e Fernandao, no cinco inicial; tamén xogaron Aicardo, Torras, Gabriel, Sergio Lozano, Igor e Eric Martel



Burela FS Pescados Rubén: Iago Barro, Mimi, Iago Míguez, Enrique Cánovas e Nacho Pedraza, no cinco inicial; tamén xogaron Erick, André, Dani Martín, Christian, Hugo, Antón e Fabio



Goles: 1-0, minuto 8, Aicardo; 2-0, minuto 9, Igor; 3-0, minuto 24, Fernandao; 4-0, minuto 29, Sergio Lozano; 5-0, minuto 30, Eric Martel; 6-0, minuto 37, Hugo (p.p.); 7-0, minuto 38, Fernandao; 8-0, minuto 39, Fernandao

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.