22/09/2012

O Burela Pescados Rubén cae derrotado ante un Marfil con mellor puntería

O Burela Pescados Rubén cae derrotado ante un Marfil con mellor puntería

 


O Burela Pescados Rubén acariñou os seus primeiros puntos na Primeira División pero finalmente foi o Marfil Santa Coloma o vencedor (3-1), no duelo correspondente á segunda xornada da LNFS.


O conxunto catalán aproveitou o seu bo inicio de partido para golpear primeiro e Sepe puxo o 1-0, minuto catro. Co paso dos minutos o Burela Pescados Rubén, que non puido contar con Juanma debido a que se resentiu dos seus problemas lumbares, asentouse na pista e neutralizou o dominio inicial dos marfileños.


A igualdade foi a tónica durante o primeiro período ata que chegou a expulsión de Nacho Pedraza, a falta dun minuto para o descanso. A escuadra laranxa logrou superar a inferioridade e retirarse ao descanso cun adverso 1-0.


Na continuación, o equipo dirixido por Julio Delgado completou a súa inferioridade numérica sen consecuencias no marcador. Pouco despois, chegou o tanto do empate  tras unha xogada de estratexia que culminou Christian, minuto 23. A igualada propiciou un partido máis aberto no que o Burela gozou de numerosas ocasións que non logrou aproveitar. O Marfil tampouco conseguía aumentar a súa renda ata que chegou un disparo de media distancia de Adolfo que supuxo o 2-1, minuto 35. O conxunto mariñán perseverou en busca do empate, ata con André de porteiro-xogador, pero sería Dani Salgado quen marcase a tres segundos do final, establecendo o 3-1 definitivo.


Ficha técnica


Marfi Santa Coloma: Chico, Rubén, Adolfo, Sepe, Dani Salgado -cinco inicial- Segura, Busquets, Rafa López, Alex e Jhow.


Burela Pescados Rubén: Edu, Mimi, André, Iago Míguez, Nacho Pedraza -cinco inicial- Enrique Cánovas, Dani Martín, Christian e Hugo.


Goles: 1-0, minuto 4, Sepe; 1-1, minuto 23, Christian; 2-1, minuto 35, Adolfo; 3-1, minuto 40, Dani Salgado.


Árbitros: González Ruano, primeira muller en arbitrar en Primeira División, e Sánchez Ayala. Mostraron amarela a Rubén, Rafa López, Nacho Pedraza e Enrique Cánovas. Expulsaron a Nacho Pedraza.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.