15/09/2012

A pegada do Fisiomedia tumba a un gran Burela FS no seu debut en Primeira

A pegada do Fisiomedia tumba a un gran Burela FS no seu debut en Primeira

O equipo laranxa arrincou na súa Primeira tempada na máxima categoría realizando un máis que aceptable encontro no que a fortuna foille esquiva. Os locais protagonizaron as primeiras ocasións do encontro, asentados dun xeito correcto sobre a Pista Azul e metendo a poucos metros da súa portería ao Fisiomedia. Así chegou un forte disparo de Mimi desde a dereita, que se estrelou no traveseiro de Toñete. Foi unha clara ocasión enmarcada nun partido de xogo horizontal, sen riscos, con pausa na procura do gol.


Tras certos avisos, o Fisiomedia adiantouse no marcador grazas a Veiga, que culminou un pase de Rubén Cornejo á media volta desde a frontal. A vantaxe non minou o ímpeto do Burela Pescados Rubén, que cun disparo perigoso de Hugo, seguiu dando mostras das súas intencións. O conxunto laranxa atopouse co premio a balón parado, e é que as cinco faltas do Manacor a cinco minutos do final foron determinantes. Desde os dez metros e tras un disparo que tivo que volver repetirse, Juanma conseguiu no 17' o 1-1, o primeiro gol da Historia do Burela na máxima categoría.


A segunda metade comezou con movemento no marcador. Tras unha falta de entendemento entre Edu e Mimi, Alejandro Veiga conectou un sutil toque por baixo das pernas do ex de Triman para facer o segundo, un punto de inflexión. O conxunto de Julio Delgado non puido imporse á presión na primeira liña do seu rival e encaixou o terceiro, obra de Víctor a pase de Lemine.
Con todo, a diferenza de dous goles pareceu animar ao equipo local, que baseado na súa velocidade fíxose co tempo do partido e gozou de dúas grandes ocasións para recortar distancias por medio de Iago Rodríguez. A cara, a boa reacción laranxa; a cruz, a pegada do Fisiomedia. Bruno Taffy conectou un forte dereitazo á escuadra de Edu, que subiu o cuarto no marcador e achegaba os tres puntos ao equipo de Tomás de Dios.


Quixo impedilo Delgado, sacando a falta de oito minutos para o final a Juanma, André e Mimi como porteiro-xogador, pero o risco non se impuxo á superioridade numérica. Desde 38 metros, Illán meteu un mísil terra-aire na portería galega conseguindo o quinto e definitivo gol. Con este resultado, o Fisiomedia Manacor escala ata a primeira posición da categoría.


 


Pancarta en defensa dos postos de traballo en Alcoa
A reivindicación do Comité de Empresa de Alcoa estivo presente en Vista Alegre coa exposición dunha pancarta na que se podía ler “Pola defensa dos postos de traballo. Pola defensa da industria da Mariña. Pola continuidade de Alcoa”. O CD Burela FS quere solidarizarse coa empresa e os seus traballadores.


 


Ficha do partido
Burela FS Pescados Rubén
: Edu, Mimi, André, Iago Míguez e Juanma. Tamén xogaron: Enrique Cánovas, Dani Martín, Christian, Hugo e Nacho Pedraza.
Fisiomedia Manacor: Toñete, Vadillo, Lemine, A. Vega, Rubén. Tamén xogaron: Joao Batista, Jesús Illán, Víctor, Joselito e Bruno Taffy.
Goles:  0-1 (min. 14') A. Vega; 1-1 17' Juanma; 1-2 21' A. Vega; 1-3 25' Víctor; 1-4 30' Bruno Taffy; 1-5 35' Jesús Illán.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.