24/07/2012

Deixa que o espírito laranxa entre en ti!

Deixa que o espírito laranxa entre en ti!

O CD Burela FS Pescados Rubén abriu esta tarde-noite a Campaña de Socios/as 2012-13, con ‘Deixa que o espírito laranxa entre ti!’, vídeo promocional que a entidade laranxa estreou nunha presentación pública conducida polo vicepresidente, Manuel Blanco, e o directivo Antonio Rodenas, no Salón de Conferencias de Burela.


A produción audiovisual, elaborada polo departamento de comunicación do club, fai un chamamento aos amantes do fútbol sala para que acompañen a entidade na súa tempada máis especial e prestixiosa, na elite por partida dobre.


‘Deixa que o espírito laranxa entre en ti!’ achégase á afección burelista a través do día a día da vila nun traballo que foi posible grazas ao humor e espontaneidade de moitos veciños/as que se prestaron a transmitir a ledicia e orgullo que supón ter na Mariña o único club de España con dous equipos na elite, coa colaboración engadida do bufete de Encarna Bernal, Alain Affelou Óptico Burela, Reme Peluqueros e A Parrillada de Jandro.


O sentimento laranxa agocha unha forma distinta de ver e vivir o fútbol sala, unha emoción e ilusión sen fronteiras que se converterá no principal estandarte do Burela FS para escribir a súa historia entre os grandes deste deporte.


Valados publicitarios, carteis informativos e redes (Facebook e Twitter) sociais  completan a campaña xunto ao vídeo de BurelaFS TV, en Youtube.


Socios/as


Nuns tempos nada doados, o club laranxa pelexará por novos éxitos, coidando a fidelidade dos socios/as e mantendo os prezos dos abonos. No que respecta ás tarifas convencionais, de idade adulta, consérvanse o Abono Simple (75 euros) e o Abono Dúo (125 euros), que ofrece a posibilidade de acceder ao pack desconto de 2 carnés, sen existir vínculos familiares entre os socios/as. Dentro das tarifas especiais, o club laranxa modifica lixeiramente o Abono 25 (40 euros), destinado a persoas entre os 19 e os 25 anos (antes 18-25), e reincorpora o Abono 18 (de 14 a 18 anos), por tan só 20 euros para toda a tempada. Tamén se conserva, sen modificacións, o Abono de Xubilado (60 euros).


Para facilitar a forma de pagamento, a entidade seguirá ofrecendo a posibilidade de  fraccionar as tarifas en dúas cotas (agosto e xaneiro), previa solicitude do socio/a.


Na páxina web do CD Burela FS, xa teñen á súa disposición o formulario de socios/as 2012-13, que poden cubrir e enviar por correo electrónico (burelafs@burelafs.org), sen saír do seu domicilio. Para máis información, poden acudir á sede laranxa (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado, Burela) ou chamar ao número de teléfono 982 58 18 15.


Entradas


Os prezos das entradas para os non socios serán de 10 (adulto/a) e 3 (xuvenil, 14-18 anos) euros para presenciar os encontros de liga na Primeira Masculina e 5 euros (tan só aldultos/as) na Primeira Feminina.


 


PREZO DOS ABONOS 2012-13


Abono 18 (de 14 a 18 anos): 20 euros
Abono 25 (de 19 a 25 anos): 40 euros
Abono Simple (adult@): 75 euros
Abono Dúo (adult@): 125 euros
Abono Xubilado: 60 euros
De 0 a 13 anos: Gratuíto

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.