17/07/2012

A meta Irene causa baixa nas filas mariñás

A meta Irene causa baixa nas filas mariñás

A meta Irene Lorenzo, unha das protagonistas do proxecto laranxa dende os seus inicios, non continuará vinculada ao CD Burela FS Pescados Rubén a vindeira tempada. A porteira mindoniense causa baixa nas filas mariñás para encamiñar a súa traxectoria laboral cara a novos iniciativas.


“Foron catro anos fantásticos. Tiven no Burela FS unha auténtica familia, cun grupo estupendo, pero creo que chegou a hora de reorientar a miña vida laboral” explicou Irene, que non quixo despedirse sen agradecer “á directiva e corpo técnico o apoio e respecto demostrados durante este período”.


“Non pretendo desvincularme por completo do deporte, pero tomareino con máis calma” engadiu a meta, que tamén prometeu continuar alentando as ata agora compañeiras, pero dende a bancada: “Irei a Vista Alegre e seguirei dándolles ánimo como facía cando estaba no equipo”.


Dende as filas laranxas, a directiva do CD Burela FS agradece á porteira todos estes anos dedicados ao fútbol sala e ao crecemento do proxecto do Burela FS.


Procedente do Foz FSF, Irene chegou á entidade mariñá co nacemento do seu equipo feminino en 2008-09, onde se converteu nunha das grandes responsables do ascenso a Honra no primeiro ano de vida do Burela FSF. Xunto á súa compañeira Paula Pérez, o conxunto conseguiu rematar a  tempada como equipo menos goleado de toda a División de Prata. Dende entón compartiu a responsabilidade na elite con Jozi, coa axuda de Lola entre 2009 e 2011.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.