17/07/2012

Bebeto non seguirá en Burela

Bebeto non seguirá en Burela

O ala-pivote brasileiro Alexandro Ribeiro Cardoso, máis coñecido como Bebeto, non seguirá en Burela a vindeira tempada. O xogador, que rematou contrato co club laranxa en xuño, regresou ao seu país para afrontrar a última fase de recuperación da lesión que o afastou das pistas no mes de febreiro e retomar alí a súa traxectoria futbolística. 


Bebeto chegou ao Pescados Rubén como reforzo no mercado de inverno despois de realizar o primeiro tramo da tempada no Umacon Zaragoza, da Primeira División. Apenas dous meses despois, un desafortunado encontrón en Vista Alegre, durante o enfrontamento ante o Hospitalet, provocoulle unha fractura costal e ferida pulmonar que requiriu unha paulatina recuperación.


A raíz do accidente as prioridades de Bebeto reorientáronse ao regreso ao Brasil. “Xa contactaron comigo un par de equipos, pero agardarei a estar completamente reestablecido para volver facer o que máis me gusta, que é xogar ao fútbol sala”, explicou Bebeto moi recuperado xa. O brasileiro, que agradeceu a boa acollida na vila e no equipo burelista, enviou ánimos dende a súa terra para a próxima tempada: “O soño de chegar a Primeira ao final cumpriuse; seguro que o equipo poderá facer grandes cousas”.


Dende Burela, a entidade deséxalle unha total recuperación a este gran profesional para que poida reincorporarse pronto ás pistas.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.