02/06/2012

O Burela FS Pescados Rubén colle vantaxe na serie ante o Martorell

O Burela FS Pescados Rubén colle vantaxe na serie ante o Martorell

Vista Alegre viviu unha noite de emoción desbordante no primeiro partido da serie que enfronta a Burela FS Pescados Rubén e Sala 5 Martorell polo ascenso a Primeira. A afección foi fiel á cita, tirou do equipo nos momentos máis complicados e celebrou despois por todo o alto a vitoria diante dos cataláns nunha agónica tanta final de penaltis. Os mariñáns levan agora vantaxe na serie e terán o vindeiro sábado (18.00 horas) en Cataluña o segundo partido polo ascenso.


A imaxe viuse na noite do venres na ‘bomboneira’: unha morea de camisetas laranxas manteaban a Juanma primeiro e Iago Míguez despois, trala explosión final de xúbilo. Non era unha imaxe gratuíta. A marea laranxa deixáballe claro así ao de Alfoz, logo de fallar un penalti na rolda decisiva, que sempre será o seu Mariscal, por moi mal que veñan dadas. Unha forma como calquera outra de agradecerlle a pila de goles e as tardes de gloria que protagonizou (e protagoniza) para sorte do conxunto laranxa ao longo de anos desexando unha oportunidade coma esta, só que ese era o momento. E non hai mellor xeito de definir a esta afección ca este xesto incondicional cara aos seus. Unha imaxe que permanecerá na retina das preto de 1.200 persoas que enchían Vista Alegre. Pase o que pase xa nesta eliminatoria, a comuñón entre bancada e equipo está clara e non ten rival.


Os partidos de play off non teñen lei. Empezou o Burela FS Pescados Rubén como un vendaval e tivo unha ocasión clarísima nada máis comezar o encontro, logo dun saque de córner, pero o estado dunha pista que sufría a condensación no ambiente e os nervios xogáronlle unha mala pasada ao cadro laranxa, que sufriu mais da conta no primeiro tempo. Diego Blanco adiantou os visitantes no minuto 4 e os de Julio Delgado intentábano contra a súa propia ansiedade e o estado da pista, que semellaba suar coma a bancada de Vista Alegre ante a envergadura do reto.


As ocasións sucedíanse para os dous bandos con desconcertante regularidade. O primeiro tempo non tivo dono. Pero tal era a convicción dos burelaos que o adestrador local dispuxo o porteiro xogador  no minuto 17, ante a necesidade de anotar e talvez impelido pola necesidade de recuperar un pouco de cordura no dominio da pelota. Desde entón o Burela foi un equipo máis recoñecible, controlou o xogo e só cedeu contadas oportunidades para o Martorell. O burelao Iago Míguez foi quen de anotar o primeiro para os locais no minuto 18 nunha contra vertixinosa (1-1) e o equipo retirouse ao descanso con táboas no electrónico.


A segunda parte foi de atafegante dominio laranxa, como asfixiante era o ambiente, que se encargaba de facer impracticable a pista por momentos. Os últimos minutos foron eternos. Iago Míguez volveu marcar nunha actuación espléndida (2-1. Minuto 34), de novo de disparo cruzado, outra vez coa dereita. Un gol que se berrou con intensidade na bancada. Pero o Martorell sacou porteiro xogador no minuto 36 e Kiko coou a pelota con suavidade nunha acción de ataque dos visitantes que devolvía a igualdade no 37 (2-2).


Cinco minutos de prórroga intensa coas últimas oportunidades deron paso á quenda de penaltis. Marcaban Purao, Cristian e Ique polo Burela FS e fallou Cindu o segundo do Marorell. Xa case estaba, pero non tivo sorte Juanma no seu lanzamento. Cleber poría o cuarto gol a favor do equipo laranxa e a Mare concedéuselle o seu a pesar das dúbidas (o balón semellou dar no pau antes de saír disparado, pero os árbitros interpretaron que dera no metal interior da portería). Era tempo para a sorte do fallo. O que marra, perde. E anotou Víctor e fallou Suzuki. Así é o deporte e así o celebrou Vista Alegre.


 


Ficha do partido


Burela FS Pescados Rubén: Iago Barro, André, Víctor, Iago Míguez e Juanma. Tamén xogaron Purao, Ique, Cleber e Cristian.
Sala 5 Martorell: Pol, Jordi, Alex Peramos, Diego Blanco e Mark Areny. Tamén xogaron Negro, Suzuki, Ignasi, Kiko, Cintu e Guille Aubach.


Goles: 0-1. Minuto 4, Diego Blanco; 1-1. Minuto 18, Iago Míguez; 2-1. Minuto 34, Iago Míguez; 2-2. Minuto 37, Kiko.


Incidencias: ambiente de gala no pavillón Vista Alegre cuns 1.200 espectadores. Arbitraron Miguel Velasco e Viedma Martín.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.