Actualidade
Magnífica oportunidade coa chegada do Orvina
O Burela FS Pescados Rubén disporá mañá dunha magnífica oportunidade ante o Lacturale Orvina para consolidarse entre os mellores, na 26ª xornada, a primeira das cinco citas que agardan ás laranxas na recta final da Primeira División, no último mes. O encontro de Vista Alegre comezará ás 12.00 horas.
Este é un partido moi importante para as pupilas de Javier Pardeiro; os tres puntos pódenlles dar moitas alas na titularidade da terceira praza. Tras o empate do Ponte Ourense (2-2, Valladolid) e Cajasur Córdoba (2-2, Diamante Logroño) da fin de semana, a vitoria non só lles aseguraría o podio ás burelistas, senón que poría terra por medio coa cuarta e quinta praza, ademais de aproximalas ao liderado, despois da inesperada derrota do Atlético de Madrid (Queralt Gironella, 5-4).
Dende a novena praza (30 puntos), o Orvina chegará con moitas ganas de desquitarse despois das avultadas derrotas, ante o Ponte (7-0) e o Cajasur (2-12), das últimas xornadas. O Burela FS espera un rival pechado para saír á contra; as mariñás deberán traballar a defensa do cinco para catro, moi recorrente na estratexia navarra.
Xunto á coñecida ausencia de Lucía, que continúa o proceso de rehabilitación do xeonllo, Javier Pardeiro non poderá contar con Lidia, inmersa na concentración da Selección Española; tamén serán serias dúbidas Haydee e Jozi, con senllas molestias musculares. Poderán volver Maite, tras un par de semanas de descanso por precaución, e Cely, obrigada a retirarse ante As Burgas por unha escordadura de nocello que a mantivo afastada dos adestramentos.
Na primeira volta, os tres puntos subiron á cuadrícula laranxa (1-6).
Próximo rival. Tras a breve parada da próxima fin de semana polas obrigas da selección, o cadro mariñán volverá á competición o 12 de maio, na pista do Diamante Logroño, en zona de descenso.
Categorías
- Actualidade
- Reportaxes
- Equipo masculino
- Equipo femenino
- Pioneiras
- Historia
- Turismo
- Educación
- RSC
- Institucional
- Patrocinadores
Reportajes
Noticias destacadas