23/04/2012

Marcón 5-1 Panificadora del Eo

Marcón 5-1 Panificadora del Eo

O Panificadora del Eo Ribadeo FSF non puido conseguir a súa cuarta vitoria consecutiva nesta tempada. O equipo de Martínez, que só puido contar para este encontro con sete xogadoras, viu truncada a súa boa etapa polo Marcón de Pontevedra, cuarto clasificado, un dos equipos destacados de Autonómica e aspirante ao título de liga.


As ribadenses saltaron á pista con pouco convencemento das súas posibilidades e aos catro minutos xa encaixaran o 2-0, obra de Jennifer e Alicia. Martínez tratou de emendar algúns dos erros defensivos, pero a sorte non era principalmente neste día a aliada do equipo mariñán, que viu de novo como a cadete Tania Penabad introducía o balón na súa propia portería nunha desafortunada xogada. Anteriormente Elvira estrelara un balón na madeira ao remate dun saque de esquina. O 4-0 chegou a falta de catro minutos para o descanso por mediación de Beatriz, ao aproveitar de novo un desaxuste defensivo das visitantes.


O descanso serviu ás da Mariña para ordenar as súas ideas e intentalo na segunda metade, con todo, cando máis se achegaba o Panificadora á portería local, chegou en 5-0 aproveitando de novo Jennifer un rexeitamento de Antía. Seguíao intentando o equipo ribadense estrelando Ana outro balón na madeira e nun disparo de Elvira que se foi fóra por moi pouco.


O gol da honra para o Ribadeo chegou a falta de seis minutos para o final, obra de Ana; nunha fuxida pola banda, recortou a súa marca e colocou o esférico na mesmísima escuadra. Nos úlimos minutos outro disparo de Elvira foi rexeitado por unha local coa porteira batida.


O Panificadora finaliza esta tempada na undécima posición, con 22 puntos, mellorando así a clasificación anterior a pesar das baixas producidas durante a tempada e tendo en conta a mocidade do persoal.


Provincial feminina. O Xoula recibe o vindeiro sábado o Sporting Rabadense na primeira xornada da Copa. As ribadenses están encadradas no Grupo A, xunto ao Viveiro e o Monterroso, ademais do xa mencionado Sporting. Os dous equipos mellor clasificados do grupo estarán en semifinais contra os outros dous do Grupo B.


Provincial masculina. O Ribadeo FS, incluído no Grupo B da Copa, xunto ao Amigos de Rábade, Abadín FS, CD Cubelas e Baamonde FS, iniciou a competición cunha vitoria sobre este último por 3-2. Os mariñáns remontaron un marcador adverso de 0-2, con 1-2 ao descanso. O vindeiro sábado, nun novo encontro de rivalidade local, os de Ribadeo visitarán Cubelas coa esperanza de regresar cos tres puntos para non descolgarse dos dous primeiros postos que darán opción a xogar as semifinais.


 


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Ana (1), Toñi, Elvira e Elena, cinco inicial; tamén xogaron Tania Penabad (p.p.) e María.
Marcón FSF: Helena, Alicia (2), Beatriz (1), Laura, Sofía; tamén xogaron Jessica, Carla, Alba, Jennifer (1), Patricia, Marta e Otilia.
Árbitros: Juan Dacosta Muíños e Álvaro Sobral Moreno, da delegación de Pontevedra.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.