26/03/2012

Tres puntos para o Panificadora á custa do Bembrive de Pontevedra (7-4)

Tres puntos para o Panificadora á custa do Bembrive de Pontevedra (7-4)

Partido de rivalidade clasificatoria foi o disputado en Ribadeo entre o Panificadora del Eo-Ribadeo FSF e o CDM Bembrive de Pontevedra, ambos agora con 16 puntos, pero co “goal average” a favor das mariñás, coa undécima praza (7-4). Nuria conseguiu 4 dos 7 goles das locais.


As ribadenses, que se adiantaron no marcador no minuto 5 por mediación de Elvira ao rematar un saque de esquina, tiveron que superar un marcador adverso antes de marchar ao descanso. Bruna, no minuto 8, nunha perda de balón de Nuria, e Viviana, no 16, ao aproveitar un rexeitamento de Antía ao saque dunha falta, foron as encargadas de pór ao Bembrive por diante. Con 1-2 no marcador, as de Martínez presionaban moi arriba o seu rival, o que lles permitía facerse con balóns moi preto da portería visitante. Así, a falta de 7 segundos para o descanso, Nuria puxo táboas no marcador ao transformar un saque de falta próximo á área rival. Cinco segundos máis tarde, nun roubo de balón ao saque de centro das pontevedresas, Ana encargouse de transformar o 3-2 e adiantar as locais.


Na segunda metade, as mariñás non cederon na súa presión. Nuria, aos 2 minutos, subiu o 4-2 de xogada individual. Continuaban as do Panificadora na busca dun marcador máis amplo que lles permitise gañar o “goal average” e así Sabela, no minuto 27, conseguiu o 5-2. A partir de aquí, as locais viñeron un pouco abaixo, momento que aproveitaron as visitantes para subir liñas e acurtar distancias por mediación de Raquel a falta de 8 minutos. As pontevedresas decidiron atacar con porteira xogadora e, aínda que as locais defendían con orde e acerto, nun único fallo defensivo, as de Bembrive puideron, por medio de Eva, reducir distancias, con 5-4 no luminoso. Martínez viuse obrigado a solicitar un tempo morto para dar tranquilidade ás súas e ordenar subir de novo a defensa a campo rival. O resultado foi instantáneo, Nuria roubou un balón e materializou o 6-4. A falta de 3 minutos, de novo Nuria puxo o 7-4 definitivo ao rematar un bo pase de Ana.


Este resultado permítelles ás ribadenses desprazarse con tranquilidade a próxima xornada a Bertamiráns para enfrontarse ao FC Meigas, equipo que ocupa a penúltima praza e que a priori se presenta accesible para as mariñás.


Provincial feminina. O Xoula-Ribadeo non puido conseguir a súa novena vitoria consecutiva ao caer derrotado por 4-2 na súa visita ao Relúa de Xermade. Aínda que as mozas ribadenses se adiantaron con 0-2, non puideron coa maior envergadura física das locais e acabaron cedendo. Ana foi a autora dos dous goles ribadenses. A delegación de Lugo da FGFS ordenou o adiamento da última xornada de liga ao próximo día 14 de abril para permitir que neste período de tempo se xoguen todos os partidos aprazados. O Xoula deberá recibir o pechacancelas, Becerreá, na última xornada e disputar, tamén como local, os partidos aprazados co líder, Friol, e o Quiroga.


Provincial masculina. O Ribadeo non puido facerse cos tres puntos do partido de rivalidade local ao regresar de Cubelas con derrota (3-2). Ao descanso chegouse con 2-2 e o partido resolveuse nos últimos 40 segundos. Pablo e Jacobo foron os autores dos goles mariñáns. Este resultado impídelles aos ribadenses ascender posicións e deberán conformarse co quinto posto, á espera de recibir na última xornada o Abadín FS, o vindeiro sábado na casa.


Ficha técnica


Panificadora do Eo-Ribadeo FS: Antía, Toñi, Elvira (1), María e Nuria (4), cinco inicial; tamén xogaron Sabela (1), Ana (1), Elena, Iria e Eva.


CDM Bembrive: Ana, Raquel (1), Nerea, Viviana (1) e Eva (1), cinco inicial; tamén xogaron Sara e Bruna (1).


Árbitros: Diego Franco Veiga e David González Boyero, da delegación de Lugo. Mostraron cartón amarelo a Eva polo Bembrive.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.