17/03/2012

O cadro laranxa tomba a implacabilidade do Oxipharma (4-1)

O cadro laranxa tomba a implacabilidade do Oxipharma (4-1)
 

Vista Alegre durmirá hoxe co soño apracible de tres valiosos puntos. E é que o cadro laranxa conseguiu desbaratar as quinielas tombando a implacabilidade do líder, Oxipharma Granada, cun xogo serio, rigoroso e efectivo (4-1), ao tradicional estilo burelista. O aliciente era poderoso e moveu montañas; xa o anunciaba Víctor López na previa.




O Burela FS Pescados Rubén tiña as cousas claras, ía a polo partido, e manifestouno dende o momento inicial. A primeira diana chegou nas zapatillas dun activo e acertado Clebinho, no minuto 4. As tentativas mariñás intensificáronse ante a forte defensa granadina. Un dobre lanzamento de Christian, no 7, e un roubo de Víctor López con picada ante Edu, no 8, serviron de antesala para a celebración do 2-0, un minuto antes de cumprirse o ecuador da primeira parte: Purao, soberbio, subiu a vantaxe no electrónico a pase de André, outro dos grandes loitadores do encontro. Aínda coa ledicia na bancada, Paulinho, de galopada, puido reducir as distancias na primeira ocasión clara do Oxipharma (2-1). Víctor López tivo nos seus pés o 3-1, a catro minutos para o descanso, aínda que desafortunadamente petou no pau.




Con Brais baixo os paus, que reapareceu pouco antes do descanso, o segundo período comezou con máis intensidade, se cabe, por ambas as escuadras. O Mariskal, Juanma, xa avisou ao ex-laranxa Edu aos 2 minutos do reinicio cun lanzamento exterior e, no 24, sen dúbida, subiu o 3-1. Os burelistas tiveron que adaptar o xogo a unha presión realmente asfixiante, que tentaba aproveitar os erros laranxas; no último cuarto, as oportunas intervencións de Brais e a correcta defensa frearon o Granada, que recorreu ao porteiro-xogador, no 35, sen éxito. A falta de pouco máis dun minuto, Juanma sentenciou o resultado a porta baleira (4-1).



Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.