16/03/2012

O cadro laranxa desprázase á pista do reforzado Zaragoza

O cadro laranxa desprázase á pista do reforzado Zaragoza

O Burela FS Pescados Rubén desprázase mañá á pista dun reforzado Natudelia.com Zaragoza, que pelexa por afastarse paseniño dos postos de descenso. O encontro da vixésimo primeira xornada de Primeira dará comezo ás 18.30 horas no complexo maño de La Granja.


Dende a sexta praza (38 puntos), o cadro mariñán continúa co obxectivo de asentarse entre os mellores, para o que esta fin de semana terá que bater a un rival con moitas caras novas tras o mercado de inverno. Para Javier Pardeiro, “é unha saída difícil, ante un equipo que acostuma facerse forte na súa pista”.  Nestes momentos, o Natudelia ocupa o décimo terceiro posto, con 15 puntos; encadea dúas derrotas despois de medirse a dous dos de arriba, Ponte Ourense (2-5) e Cajasur Córdoba (4-2).


“As zaragozanas saíron do descenso tras a chegada de María García, Corín e Pilar, ás se podería sumar en breve unha incorporación brasileira. Se comezaran así a competición, creo que sería un equipo de Copa” engadiu o adestrador. “O Natudelia tendía á práctica dunha defensa zonal moi próxima á súa portería, recorrendo con frecuencia ao contragolpe; no entanto, agora, coas incorporacións, é fisicamente forte e en ocasións adianta a defensa para intentar asfixiar o rival” analizou o técnico laranxa.


Javier Pardeiro terá as dúbidas de Jozi e Cely, con senllas sobrecargas. As benxaminas da escuadra, Silvia e Paula, non viaxarán por motivos académicos.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.