13/02/2012

Fisober 5-0 Panificadora del Eo

Fisober 5-0 Panificadora del Eo

O Panificadora del Eo Ribadeo FSF non deu mostras de impotencia e plantoulle cara ao líder, Fisober Vimianzo, aínda que sen recompensa no electrónico. As mariñás encaixaron un 5-0, nunha cita marcada polas ausencias, que fixeron que Martínez tivera que desprazarse a Vimianzo con tan só oito xogadoras, catro das cales pertencentes ao filial Xoula: María por lesión, Marta, Nuria e Sabela por asuntos persoais e Arancha e Fátima por estudos.


As ribadenses defenderon con orde os ataques do rival para contragolpear con perigo, pero a maior calidade das xogadoras locais rompeu a ordenada defensa visitante. O 1-0 chegou no minuto 7 por mediación de Noelia. Sete minutos máis tarde foi Alba quen subiu o 2-0 ao luminoso e, a piques de soar a bucina para o descanso, Patricia colocou o 3-0. Co 1-0, o Panificadora dispuxo dun par de ocasións claras por medio de Ana e Elvira para acurtar distancias.


No minuto 3 da segunda metade, nunha serie de rexeitamentos dentro da área visitante, atinou Barca no primeiro pau pondo o 4-0. Cinco minutos máis tarde, de novo Barca materializou o 5-0 definitivo. O cansazo acumulado por falta de rotacións afectou o equipo ribadense; aínda así Ana, Iria, e Elena, nos minutos finais, dispuxeron das mellores ocasións do partido para acurtar distancias.


Cabe destacar a deportividade e o xogo limpo que reinou durante todo o encontro, posto que o colexiado só tivo que sancionar o equipo local en tres ocasións e a primeira e única falta das ribadenses foi sinalada a 3 minutos para o final.


A próxima xornada o Panificadora deberá medirse en Ribadeo ao Funeraria Apóstolo de Santiago, quinto clasificado, máximo goleador (91 tantos) e o menos goleado (30 encaixados).


Provincial feminina. Esmagadora foi a vitoria do Xoula Ribadeo ante o Sporting Rabadense (12-0). Ao descanso o marcador era de 8-0 a favor das locais. Carmen con catro goles, Ana, Elvira e Iria, con dous cada unha, e Yoli e Carla Bolaños, con un, foron as artífices de xesta; tamén xogaron Elena e Antía. Este resultado permite ao filial ribadense manter o segundo posto e aumentar a 5 puntos a diferenza cos seus inmediatos seguidores, Lucense e Quiroga, na loita pola medalla de prata. As mariñás visitarán A Pastoriza o vindeiro sábado.


Provincial masculina. A incorporación de Sergio Janeiro, ex-xogador do Cadramón FS, Burela FS, Superti A Pontenova e tamén do Ribadeo FS na súa época de Primeira Nacional B, permitiu ao equipo ribadense cultivar unha nova vitoria sobre o Baralla FS (4-3). Ao descanso chegábase cunha vantaxe de 3-1. A relaxación que  tomou o equipo local na segunda metade puxo en apuro o marcador nos minutos finais. Pablo, Óscar, Jacobo e Sergio foron os autores dos goles locais e polo Baralla Diego asinou o hack trik. O Amigos de Rábade será o rival dos ribadenses o vindeiro sábado (20.00 horas) no municipal de Rábade.


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Ana, Toñi, Elvira e Elena, cinco inicial; tamén xogaron Iria e Tania Penabad.


Fisober FSF: Paula, Elsa, Ana, Olalla e Noelia (1), cinco inicial; tamén xogaron Patricia (1), Barca (2), Mirella, Ylenia, Alba (1) e Eva.


Árbitros: José Luis Villarino Bravo e Rita López Calvo, da delegación de Santiago.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.