10/02/2012

O perigoso Soto del Real pon a proba a boa etapa do Burela FS

O perigoso Soto del Real pon a proba a boa etapa do Burela FS

Pelexando por coarse en postos de Copa, o perigoso Soto del Real chegará mañá a Vista Alegre para poñer a proba a boa etapa do Burela FS Pescados Rubén, con sete xornadas imbatible e a esmagadora vitoria en Móstoles (2-11) da semana pasada como guinda. A décimo sétima xornada de Primeira comezará na bomboneira ás 18.30 horas.


O conxunto madrileño saltará á pista mariñá co firme propósito de coarse na zona de privilexio para a cita copeira, dende a novena praza. As estatísticas do Soto del Real reforzan a tentativa, coa súa capacidade de resolución a domicilio; dos seus 20 puntos actuais, 12 conseguiunos lonxe da casa (Zaragoza 1-5, Cidade das Burgas 3-4, Rubí 4-5 e Majadahonda 2-6). Ademais vén de facerlles fronte a dous dos de arriba: co Ponte Ourense viu escapar os puntos nos últimos minutos (1-2) e ante o Cajasur Córdoba fíxose cun rifado empate (5-5).


Para manterse no poleiro, o Pescados Rubén deberá ser fiel á filosofía que lle está achegando bos momentos e resultados óptimos nas últimas xornadas ante un rival que se pecha moito e basea o xogo nun contragolpe moi eficaz. Un dos principais bastións das sotorrealeñas é a internacional Pitu, xogadora desequilibrante e pichichi do cadro con 19 dianas. As burelistas deberán minimizar as virtudes do visitante, evitando a perda de balóns e atacando ben a súa defensa zonal.


O vestiario laranxa terá para mañá a seria dúbida de Haydee, que sufriu un escordadura de nocello no adestramento de onte.


Na primeira volta, a escuadra burelista impúxose no marcador por 0-2.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.