29/08/2011

Aberto o prazo de matrícula para a escola deportiva municipal Eon Burela FS 2011/12

Aberto o prazo de matrícula para a escola deportiva municipal Eon Burela FS 2011/12

A partir de hoxe mesmo, día 29 de agosto, e ata o vindeiro venres día 9 de setembro, ábrese o prazo de inscrición da escola deportiva do club laranxa,  cuxa matrícula será gratuíta este ano. A formalización da matrícula pode realizarse nas oficinas do club, ubicadas en Avda. Arcadio Pardiñas, nº 97 – entrechán. Ademais, as familias que inscriban de máis dun neno ou nena terán un 20 % de desconto, a partir da segunda matrícula. Para a tramitación das altas serán necesarias dúas fotos tamaño carné e fotocopia do DNI do neno/a. As cotas serán trimestrais e pasaranse en outubro de 2011, xaneiro de 2012 e abril do mesmo ano, e ascenderán a 45 euros.


En canto á vestimenta esixida para a práctica deportiva, a tenda Living Sport, distribuidora oficial do club, entregará directamente a cada alumno/a un pack de material deportivo (80 €) que incluirá chándal, sudadeira, camiseta e bermuda, xunto cun vale desconto valorado en 12 € para a compra de zapatillas Joma. De forma gratuíta, o club tamén proverá aos rapaces e rapazas de mochila, chuvasqueiro e roupa de adestramento (dúas camisetas e un pantalón) e competición. Por outra banda, o alumnado da escola contará coa asistencia dos servizos médicos e de fisioterapia do propio club.
Catro categorías, entre prebenxamín e infantil, integrarán a escola laranxa; os cadetes e xuvenís volverán pertencer ás categorías inferiores dos equipos sénior, da Primeira División Feminina e Segunda Masculina.


A dirección da ED EON Burela FS reunirase cos pais/nais do alumnado o 12 de setembro, no Salón de Conferencias da vila (antiga biblioteca), para explicarlles a programación do curso. As xuntanzas estableceranse por categorías, nos seguintes horarios:


20.00 horas – Prebenxamín (nados/as en 2005-04)
20.30 horas – Benxamín (nados/as en 2003-02)
21.00 horas – Alevín (nados/as en 2001-00)
21.30 horas – Infantil (nados/as en 1999-98) 


Todas aquelas persoas interesadas poden obter máis información nas oficinas do club (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado, Burela) ou a través do número de teléfono 982 58 18 15.


O deporte de base laranxa, unha aposta clara polo futuro


Dende a tempada 2007/2008, o CD Burela FS asume as ensinanzas municipais de fútbol sala. O pasado ano, a escola burelista acolleu alumnado de entre 6 e 14 anos, nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín e infantil. En total, durante a tempada 2010/11, arredor de 130 nenas e nenos aprenderon cun profesorado cualificado, participando ademais en diferentes competicións desde Deporte Escolar hasta Liga Autonómica: 2 equipos prebenxamíns, 3 benxamíns, 2 alevíns e 3 infantís.


Ao largo do pasado curso, os equipos da EDM Eon Burela FS compatibilizaron os partidos das súas respectivas ligas con diferentes torneos como o IX Cidade de Lugo, a segunda edición do Reyes Santiago de Foz, O Vicedo, Cidade de Betanzos e Cidade da Coruña.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.