14/05/2011

A pócema laranxa outórgalles aos burelistas vantaxe para as illas (4-0)

A pócema laranxa outórgalles aos burelistas vantaxe para as illas (4-0)

O Burela FS superou esta tarde o primeiro asalto cara á elite con solvencia. A pócema laranxa, o apoio de Vista Alegre, surtiu o efecto desexado sobre os burelistas, que demostraron unha loable seriedade tanto en ataque coma en defensa, unha seriedade que lles deu a ampla vitoria por 4-0 na batalla contra o Colegios Arenas Gáldar e lles outorga a vantaxe no desprazamento da próxima semana ás illas.


Os pupilos de Suso Rey saíron coa mente posta na portería ante un Gáldar incómodo na pista. O peso do partido foi para os laranxas, que buscaron a meta rival dende os compases iniciais, pero Óscar, con moito traballo no primeiro período, mantivo o marcador sen movemento. 


Co reinicio, o Gáldar adiantou a defensa e conseguiu reducir as tentativas dos laranxas ata que, non minuto 28, Víctor Cachón aproveitou unha xogada a balón parado, tras unha falta de Minhoca, para iluminar a bomboneira. Con vantaxe de 1-0, a decisión burelista foi valente; Suso Rey optou pola saída de Purao como porteiro xogador ante o grande estratega do xogo de cinco. E funcionou. No minuto 32, os mariñáns volveron ver a portería tras unha galopada de André que culminou de novo Víctor. 


A reacción visitante foi tamén atacar con cinco, con Minhoca como estandarte, pero os burelaos non lles deron opción. Brais, moi acertado, conseguiu deixar a meta local inmaculada, coa sacrificada axuda dos compañeiros e o capitán Juanma sentenciou o encontro a porta baleira en sellos roubos (minutos 36 e 38).


Agora a pelota está no tellado dos canarios, que recibirán o Burela FS o vindeiro sábado, 21 de maio, ás 18.30 horas (hora insular).


 


Ficha técnica


Burela FS: Brais, André, Purao, Víctor Cachón e Ique, no cinco inicial; tamén xogaron Juanma, Clebinho, Christian, Esteller e Manu


Colegios Arenas Gáldar: Óscar, Minhoca, Julio, Glauber e Néstor, no cinco inicial; tamén xogaron Lonchu, Adrián, Augusto, Jerry e Flavio


Goles: 1-0, minuto 28, Víctor Cachón; 2-0, minuto 32, Víctor Cachón; 3-0, minuto 36, Juanma; 4-0, minuto 38, Juanma.


Tarxetas amarelas:  Óscar, minuto 4; Néstor, minuto 17; Christian, minuto 29; Julio, minuto 34; Minhoca, minuto 38.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.