25/11/2010

O I Encontro do Deporte Base na Mariña, con José Venancio, será o 4 de decembro

O I Encontro do Deporte Base na Mariña, con José Venancio, será o 4 de decembro

O I Encontro do Deporte Base na Mariña, que organiza o CD Burela FS e que contará coa inestimable presenza do seleccionador nacional, José Venancio, cambia a data de celebración do 27 de novembro para o 4 de decembro, por causas de forza maior.


José Venancio abrirá a cita cun relatorio centrado na actualidade do fútbol sala e a estrutura dos clubs, programado para as 10.00 horas, no hotel Nordés de Burela. O seleccionador tamén compartirá unha charla coloquio sobre o fútbol sala feminino de elite con diferentes adestradores/as de primeiro nivel. Xunto ao alumnado da EDM Burela FS, o técnico analizará o xogo e a toma de decisións individual e colectiva nunha sesión práctica, no pavillón Vista Alegre, a partir das 12.45 horas.


Por outra banda, o club laranxa distinguirá a José Venancio co seu galardón máis prezado, a Insignia de Ouro e Brillantes, polo seu loable labor en favor do fútbol sala, ademais de nomealo Socio de Honra do CD Burela FS.


Dúas décadas á fronte dos bancos afianzan a traxectoria de José Venancio (Bilbao, 1964), dende o Europcar Leioa, Bilbo, Castro Urdiales e Caja Segovia ata a Selección de Guatemala, o Autos Lobelle de Santiago e a Selección Española, cargo no que debutou como primeiro adestrador o 20 de outubro de 2007. Unido ao último triunfo do Grand Prix do Brasil, José Venancio pode congratularse de ostentar no seu palmarés máis recente o título de campión de Europa no Porto 2007 e Debrecen 2010, ademais de ser subcampión do Mundo no Brasil 2008.


O CD Burela FS tivo a oportunidade de deleitarse coa sabedoría do seleccionador no Campus Internacional Mixto (2009). A afección mariñá tamén puido gozar co xogo da selección española baixo a batuta de Venancio ante Romanía (outubro de 2007) e Uruguai (febreiro de 2008).

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.