11/10/2010

Táboas para o duelo de debutantes Panificadora-Fisober (1-1)

Táboas para o duelo de debutantes Panificadora-Fisober (1-1)

O Panificadora del Eo-Ribadeo FS superou a cuarta xornada de Autonómica cun traballado empate na casa ante o Fisober FSF de Vimianzo, en duelo de debutantes na categoría. A igualada outórgalles ás mariñás a décima posición (4 puntos).


As numerosas baixas no equipo ribadense, Yoli, Sofía e Nuria, xunto ás de Toñi e Sabela, que xa viñan arrastrando desde o inicio da tempada, obrigou a Martínez a botar man da moza Tania e de Montse, do equipo filial.


Adiantáronse as locais no minuto 13 por mediación de Iria ao recoller un rexeitamento da porteira visitante, pero, antes de marchar ao descanso, 3 minutos máis tarde, nun descoido defensivo das ribadenses, foi Patricia quen subiu o 1-1 ao marcador.


Durante a segunda metade, o Ribadeo, obrigado pola falta de rotacións, dedicouse a defender o empate e a lanzar perigosos contraataques; así María, no último minuto, tivo unha boa ocasión de dar os tres puntos ás locais a non ser pola espléndida intervención da porteira Paula. Tamén a falta de poucos segundos, a porteira local Carla detivo en dous tempos un dobre penalti lanzado pola visitante Ana.


Xornada 5. As ribadenses desprazaranse a próxima fin de semana a Vedra para enfrontarse ao FSF Mesón Rio Ulla, sexto clasificado, con 7 puntos.


Provincial masculino. O equipo sénior masculino do Ribadeo FS conseguiu a súa segunda vitoria no seu segundo encontro, esta vez a domicilio ante o Samos FS. O resultado final de 2 a 4 a favor dos ribadenses lévaos ao cuarto posto da clasificación con 6 puntos xunto ao Becerreá, Área 10 do Corgo e Cidade de Viveiro. A próxima fin de semana o Ribadeo recibirá o Meigallos de Sarria.


 


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Carla, Eva, Elvira, María e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Iria, Tania e Montse.


Fisober FSF: Paula, Patricia, Elsa, Ana e Olalla, cinco inicial; tamén xogaron Alba e Andrea.


Goles: 1-0, minuto 13, Iria; 1-1, minuto 16, Ana


Tarxetas amarelas: Fátima, polo Ribadeo, Ana Mouzo e Fran Toba, polo Fisober


Árbitros: David Castro e Ana Villar (anotador), de Lugo

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.