17/09/2010

Os laranxas reciben o novel Fuconsa Jaén FS

Os laranxas reciben o novel Fuconsa Jaén FS

Os laranxas reciben este sábado, na terceira xornada de Prata, o novel Fuconsa Jaén FS, conxunto acabado de ascender que afronta o seu primeiro partido da tempada como visitante en Vista Alegre (18.30 horas).


Tras o amargo 6-4 de Antequera, o Burela FS intentará desquitarse e facer valer a súa experiencia na categoría para non deixar escapar os tres puntos da infranqueable bomboneira. Xunto aos adestramentos, os de Suso Rey completaron a preparación semanal cun amigable na pista do Pinturas Brulak (Primeira Nacional A), que rematou en táboas (1-1) cunha notoria participación dos xuvenís laranxas Boris, Antón e Manu.


Polo bando xienense, os ánimos tamén chegan con sede de vitoria. Despois de oito tempadas, o Fuconsa regresa a Prata con ganas de coñecer o triunfo; tras a primeira xornada de descanso, o Jaén FS non puido estrearse ante a súa afección con resultado a favor ante o OPDE Ribera Navarra (1-2). 


Víctor Cachón será a única baixa no vestiario burelista; o corpo médico do club está avaliando unha posible escordadura de ligamento lateral interno do gaditano, con complicacións de menisco. O xuvenil Manu tamén sufriu unha pequena escordadura durante a semana, pero non terá problemas para defender a camisola laranxa mañá.


No cadro visitante participarán Sergio, Miguelín, Joseliyo, Bobas, Lucas, M. Ureña, Paco Gómez, Berja, Alberto ‘Tortu’, Suzuki, Cobo e José López.


 


Recollida de carnés


Os socios/as 2010-11 que aínda non teñan no seu poder o carné desta tempada poderán recoller a entrada, totalmente gratuíta, para o encontro Burela FS-Jaén o sábado, en Vista Alegre.


As credenciais de socio tan só se poden retirar nas oficinas do club (Horario de atención: 10.00-14.00 e 16.00-20.00 horas, de luns a venres). A entidade laranxa recorda que, para recoller as devanditas acreditacións (válidas ata decembro), se deberá presentar o xustificante bancario da primeira cota, no caso de optar pola domiciliación como forma de pagamento. Con este carné, o Burela FS e miapuesta.com obsequian os socios/as laranxas cun bono de 50 euros para participar nos xogos de www.miapuesta.com/clubes.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.