03/09/2010

Vista Alegre e o Burela FS inauguran 2010-11 coa visita do Melilla

Vista Alegre e o Burela FS inauguran 2010-11 coa visita do Melilla

O espectáculo futbolístico volve a Vista Alegre, na oitava tempada do Burela FS na División de Prata. Os laranxas inaugurarán a campaña 2010-11 mañá, ás 18.30 horas, coa visita do Melilla FS.


Coincidindo co noveno aniversario do club burelista, saltará á pista un cadro con caras novas. Cimentado na veteranía e experiencia de Juanma, Edu, Purao e Minu, o vestiario mariñán destaca pola aposta da xuventude de habituais como Brais, Manu, Christian e André coas novas incorporacións de Víctor Cachón e Adri Gaona (Extremadura Cáceres 2016), Paleta (CD Virgili) e Esteller (Lagunas Playas de Salou).


Os de Suso Rey afrontan este novo ciclo coa humildade que caracteriza a un equipo modesto que basea os seus éxitos no esforzo e traballo diarios como grupo. Despois dunha pretempada marcada pola adaptación paulatina das incorporacións e algún que outro lesionado, o Burela FS manterá a súa característica verticalidade co perfeccionamento defensivo.


Esta será a primeira visita á bomboneira do Melilla FS. O conxunto de Sergio Mullor, que rematou na sétima praza do Grupo Sur 2009-10, tamén experimentou cambios.  Entre as novidades do cadro figuran o ex-burelista Gordillo, Garzón (Caravaca), Chamo (FS Valverde) e Junior (Fisiomedia Manacor). Segundo declaracións de Mullor a El Faro de Melilla, o Burela FS atopará este sábado un cadro compacto: “Conseguimos realizar un conxunto máis homoxéneo ca en tempadas anteriores, sendo na actualidade un bloque por riba das individualidades. Isto fai concibir grandes esperanzas da realización dunha boa tempada, iso si, tendo que traballar arreo en cada unha das xornadas, pensando soamente partido a partido indistintamente do rival que teñamos fronte a nós”.


 


Rivais. Un total de 19 equipos compoñerán o único grupo da División de Prata 2010-11, que competirá en liga regular ata o 7 de maio de 2011. Aquel que remate líder terá na súa man o ascenso directo a Honra; entre o segundo e o oitavo clasificado pelexarán por outras dúas prazas para a elite en formato play off, xunto ao décimo cuarto de Honra. A primeira xornada tamén acollerá os enfrontamentos de Albacete 2010-AP Brihuega, UPV Maristas Valencia-Gáldar Gran Canaria, Lanzarote Tias Yaiza-ElPozo Ciudad de Murcia, OPDE Ribera Navarra-UMA Antequera, FC Barcelona B-Extremadura Cáceres 2016, Space Gasifre Eivissa-Ribera Alta Tobarra, Arcebansa Chint Zamora-Unión África Ceutí e Puertollano FS-BP Andorra; o descanso será para o Jaén FS.


 


A Pataca Naranxa. A peña burelista celebrará o Día do Socio/a mañá, cun xantar gratuíto na Parrillada de Jandro, programado para as 14.30 horas. Os socios/as do colectivo recibirán nesta cita a camiseta oficial 2010-11.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.