14/05/2010

A Marea Laranxa en estado puro, preparada para a chegada do Eivissa

A Marea Laranxa en estado puro, preparada para a chegada do Eivissa

Despois do gran paso dado nas Baleares, o Burela FS recibirá mañá o Space Gasifred Ciutat d’Eivissa co apoio inquebrantable da bancada laranxa, no segundo encontro da primeira rolda do play off. A Marea Laranxa en estado puro, equipo e afección, loitará por facer realidade o soño da División de Honra en Vista Alegre a partir das 18.30 horas.


Aínda con marxe de erro, tras a vitoria nas illas por 4-5, os pupilos de Suso Rey buscarán sentenciar a eliminatoria nesta segunda cita ante os eivisencos. Burela enteira estará na bomboneira para alentar a un conxunto que o deu todo durante a tempada e que mañá terá nas súas mans a presenza na segunda eliminatoria.


O Burela FS volverá ser fiel ao xogo co que dominou e se impuxo ao Space Gasifred a semana pasada. Apostando pola verticalidade, os mariñáns buscarán desartellar os eivisencos nos primeiros compases para adquirir vantaxe no electrónico e provocar o nerviosismo nas filas insulares. No entanto, tamén deberán afanarse en defensa e non deixarse sorprender polo gran talismán que resultou para o Eivissa a figura do porteiro-xogador o sábado pasado.


No reencontro cos insulares, Suso Rey volverá contar con pleno de efectivos laranxas. Nas filas visitantes, Flavio será baixa segura pola sanción de dous partidos imposta polo Comité de Competición da RFEF a semana pasada “por proferir insultos a un contrario [Minu] concorrendo a circunstancia agravante de reincidencia”.


No caso de que a eliminatoria laranxa non quede decidida mañá, as bancadas de Vista Alegre volverán despregar o seu poderío o domingo, para o terceiro e último partido da rolda, ás 18.30 horas.


O resto dos implicados na loita pola División de Honra disputará hoxe o segundo partido da fase: Fisiomedia Manacor-Grupo Empresas Talavera, no play off de campións, e Puertollano Restaurante Dacho-BP Andorra, ás 20.30 horas, e Gijón El Llano-Maristas Valencia, ás 21.30. De ser necesario, mañá, outra vez ás 20.30, enfrontaranse Manacor e Talavera, mentres que Puertollano-Andorra e Gijón-Valencia se xogarán o domingo ás 12.00.


 


Sorteo Toyota Yaris


Durante o descanso do Burela FS-Gasifred, o CD Burela FS dará a coñecer o número gañador do Toyota Yaris a través dun sorteo ante notario. O agraciado/a disporá dun prazo de sete días hábiles para presentar a papeleta premiada nas oficinas do CD Burela FS (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado) e recoller o seu vehículo totalmente equipado e preparado para saír á rúa (impostos de matriculación e rodaxe incluídos, ademais dun ano de seguro contratado). Os máis preguiceiros/as aínda terán a oportunidade de adquirir a súa rifa mañá, en Vista Alegre, durante a primeira parte do encontro.


 


Trofeos A Pataca Naranxa


Os integrantes burelistas Dani Martín e Edu serán homenaxeados pola peña A Pataca Naranxa nun acto previo ao encontro ante o Gasifred. O ala salmantino recibirá o Trofeo de Máximo Goleador da tempada laranxa, con 28 goles, e o de Trofeo Kessarys, como xogador máis valorado, cos 1279 votos da web pataqueira. O gardameta naronés, pola súa banda, recollerá o galardón como o Mellor Xogador burelao, grazas aos 158 puntos outorgados pola prensa deportiva, técnicos rivais e o propio club ao longo do exercicio 2009-10.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.