24/03/2010

Viveiro aprende fútbol sala co equipo laranxa feminino

Viveiro aprende fútbol sala co equipo laranxa feminino

Unha pequena representación do Burela FSF Pescados Rubén trasladouse onte á cidade do Landro para visitar a sección de fútbol sala da Escola de Fútbol de Viveiro. O segundo adestrador do equipo laranxa, Marcelo Santoro ‘Neco’, a gardameta brasileira Jozi e a ala viveirense Lara compartiron un adestramento no pavillón municipal coas trece rapazas que compoñen o equipo cadete.


O preparador burelista quedou gratamente sorprendido co excelente traballo de base que está desenvolvendo a entidade viveirense no deporte feminino, “cuxa recompensa xa obtivo en 2009 o equipo cadete co título de subcampión de Galicia”. Pola súa banda, o presidente da escola, Francisco Basanta, cualificou a visita como “un estímulo para as rapazas, que ven no Burela FSF unha referencia para continuar neste deporte, cun apoio cada vez maior na base feminina”. 


Dende o seu nacemento en 1999, pola escola viveirense pasaron máis de 900 nenos e nenas, como as burelistas Lara e Carla. Na actualidade, xunto ás ensinanzas de fútbol nas categorías dende prebenxamín a alevín, a entidade posúe unha sección de fútbol sala, onde está integrado o devandito equipo, o cadete feminino, que compite en liga autonómica baixo as directrices de Eduardo Lago Varela, Tito. 


Esta é terceira visita do Burela FSF Pescados Rubén aos centros mariñáns no que vai de semana no seu programa de impulso do fútbol sala base. As outras dúas foron no colexio burelao Virxe do Carme, con sesións nas que participaron as alumnas de cuarto, quinto e sexto de primaria.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.