06/02/2010

Dani Martín sela a remontada laranxa no último segundo

Dani Martín sela a remontada laranxa no último segundo

Dani Martín fixo vibrar o Vista Alegre tras marcar, no último segundo, o tanto da vitoria (4-3) fronte a un Cámping El Escorial incrédulo ante a remontada laranxa. A acción decisiva do encontro, moi protestada polos madrileños, determinou un choque no que os visitantes seguiron á perfección o seu guión, defensa numantina e contragolpes perigosos, mentres que o Burela FS tivo na súa escasa definición unha rémora que arrastrou durante os corenta minutos.


A pesar diso, os tres puntos quedaron nun Vista Alegre que aumentaba os decibeis segundo avanzaba un choque que comezou con sorpresa para os locais. Os madrileños cobraron unha renda de 0-2, tras senllos contragolpes nos que Amrani foi o protagonista. Finalizou o contragolpe que supuxo o 0-1 (minuto 8) e asistiu a Cogorro que situou o 0-2 no minuto 10. A reacción laranxa non se fixo esperar e Purao disparou desviado un balón franco na frontal da área visitante. Edu salvou o 0-3 e Orol desperdiciou unha grande ocasión tras unha xogada de estratexia nun córner.


A partir de aí, secuencia de ocasións locais; Juanma lanza fóra por pouco, Javi Rodríguez tira ao pau e o seu rexeitamento aprovéitao Dani Martín que se topa co traveseiro, Revilla tampouco consegue bater a Toño Calvo. Pero a 30 segundos do descanso, Juanma establece o 1-2 tras unha gran xogada de Javi Rodríguez.


Na continuación repítese o guión e o El Escorial aumenta a súa vantaxe cun tanto de Orol, aínda que Minu responde para situar o 2-3. As poutadas visitantes comezaron a escasear e o Burela comezaba o seu asedio infrutuoso. André, Javi Rodríguez, Minu e Dani Martín, en varias ocasións, rozaban o tanto do empate que non aparecía. Entón chegou o minuto 34, Josito realiza unha falta, desproporcionada e perigosa, sobre Javi Rodríguez, o que provoca as protestas locais. Resultado, expulsión de Purao e do visitante Mejías. Ambos os conxuntos xogan con un menos e o marcador permanece impasible.


Tras o regreso á normalidade, o Burela aposta polo porteiro-xogador e Minu logra o empate que aviva a bancada laranxa. A falta de dous minutos para o final, os de Suso Rey manteñen, acompañados polos cánticos da afección, a ambición pola vitoria que chegou no último suspiro por mediación de Dani Martín.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.