22/01/2010

Vista Alegre acolle o duelo directo Burela FS-Lanzarote este venres (21.00 horas)

Vista Alegre acolle o duelo directo Burela FS-Lanzarote este venres (21.00 horas)

O pavillón Vista Alegre acollerá este venres, 22 de xaneiro, o enfrontamento entre o Burela FS e o Lanzarote Tías Yaiza en duelo directo, correspondente á décimo oitava xornada do Grupo Norte de Prata. A partir das 21.00 horas ambos os conxuntos pelexarán por consolidarse nas prazas de play off.


Despois de caer derrotados a semana pasada, un só punto segue separando os mariñáns (28), na terceira posición, dos canarios, que son cuartos (27) nunha táboa na que se amorean, cada vez máis, os candidatos aos catro primeiros postos, con vantaxe do Grupo de Empresas Talavera (40) e Gijón-El Llano (32), primeiro e segundo respectivamente. Non obstante, o Burela FS aínda garda a baza dun partido pendente, ante o BP Andorra (16ª xornada).


O Lanzarote, equipo de Christian e Javi Rodríguez en 2008-09, chegará á Mariña como un visitante dos máis fortes; dos seus 8 desprazamentos conseguiu vencer en 5 ocasións (Avilés 0-3, Valverde 1-3, La Muela 5-7, El Escorial 2-8 e Cáceres 0-5). Xunto aos ex-burelistas Manu e Xuxa, os insulares contarán nas súas filas co recente reforzo do peche Dantas, procedente do Andorra.


Os laranxas, con todo o vestiario disposto para deixarse a pel na bomboneira, loitarán por inverter o resultado en contra da primeira volta, cando os canarios se impuxeron por 3-1 nun encontro tenso en exceso.


Minuto de silencio. Antes do asubío inicial que dará comezo á cita Burela FS-Lanzarote Tías Yaiza, o pavillón Vista Alegre gardará un minuto de silencio polo recente falecemento de Emilio José Teijeiro García, copropietario da empresa colaboradora do club laranxa Otte Automoción. O CD Burela FS quere expresar as súas máis sinceras condolencias á familia pola repentina perda de Emilio, aos 39 anos.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.