13/12/2009

Festival de goles en Badajoz, onde o Burela gañou por un 6-9 que lle permite ter a tiro o liderado

Festival de goles en Badajoz, onde o Burela gañou por un 6-9 que lle permite ter a tiro o liderado

O Burela cumpriu co guión previsto e regresou do feudo do Delta Badajoz con tres puntos, que o manteñen na loita polo liderado do grupo norte da División de Prata. Cada xornada que pasa o grupo de aspirantes ao título redúcese, a falta dunha xornada para a conclusión da primeira volta o podio está composto polo Talavera, líder con 31 puntos, Gijón-El Llano, segundo con 29, e Burela, con 28 puntos.


Na décimo cuarta xornada, o Burela venceu por 6-9 o Delta Badajoz nun encontro trepidante no que tivo que remontar un 4-1. Os pupilos de Suso Rey mostraron dúas caras durante o choque, no primeiro período os locais mostraron unha eficacia insólita mentres que os laranxas non atopaban o seu camiño. O balance neste fase resolveuse cun sorprendente 4-1, vantaxe que no último minuto se reduciu ata o 4-3 con goles de Dani Martín e Javi Rodríguez.


Tras o descanso, o panorama variou sensiblemente e os burelaos golpearon a un Badajoz que era incapaz de parar a sangría de goles encaixados. O parcial encaixado polos estremeños desde o 4-1 foi de 0-7. Juanpe e Purao sumáronse ao festival goleador de Javi Rodríguez e Dani Martín, que logrou un hat-trick, para establecer un contundente 4-8, a falta de nove minutos. Nené freou a caída libre do seu equipo ao marcar o 5-8 e Juanito avivou a esperanza local co 6-8, pero o Burela non quixo máis sorpresas e Revilla selou a vitoria ao asinar o 6-9 final. 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.