Noticias
4 de marzo de 2020
Pescados Rubén 2-4 Cartagena
Chegou tarde o Pescados Rubén Burela FS para reaccionar na visita do Jimbee Cartagena (2-4), recuperando a xornada 15 aprazada de decembro por inclemencias meteorolóxicas. Tiveron que remar contracorrente os do Mariskal desde moi cedo, con 0-3 xa no minuto 12. Reaccionou o conxunto galego reducindo inmediatamente co 1-3, de Pope, aínda que se estrelou unha e outra vez nas súas intencións; non puido rendibilizar a superiodidade do catro para tres no segundo acto e o 1-4 xa foi demasiado lastre, minguándoo só con porteiro xogador.

Fernández adiantou os murcianos xa no minuto 3 desde saque de córner. Xande intentouno de lonxe no 5, pero foise desviado. Avisou Pixote no 7 en recuperación e pouco despois Pitero, de cabeza, en pase longo de M. Kaluza. Con todo, foi o Cartagena o que aproveitou a súa oportunidade, con Mellado, en xogada individual. Os galegos non conseguían chegar con comodidade á rede de Raúl e volveu ser eficaz o Jimbee, en contragolpe, de novo con finalización de Mellado, no 12. Parecía que se desdebuxaba a meta laranxa pero aí estaba o sempre incombustible Pope para manter o Pescados Rubén na pugna, a poucos segundos, recibindo ao segundo pau o pase de Lucho. Pelexaron na área visitante Xande, Pixote e Lucho acto seguido pero non puideron bater a meta; o uruguaio-brasileiro volveu probar no 15. Dispuxeron os de Juanma Marrube da oportunidade de reducir coa falta de Juanpi pero non a souberon rendibilizar e tivéronse que aplicar a fondo baixo paus, primeiro Xande e Kaluza, aliados fronte a Jesús, e máis tarde o meta burelista cunha man prodixiosa ante Fernández. Vista Alegre viviu unha chegada de infarto ao descanso, con Eto'o.


Saltou enchufadísimo o Pescados Rubén cunha galopada de Álex Diz aos 27 segundos do reinicio, que non puido culminar Pope ao segundo pau. Pope volveu merodear a rede de Raúl nun par de ocasións. Pixote, ao pau, e Lucho, cunha man do meta murciano, intentárono de novo no 23. Kaluza, no 25, mantivo baixo control a Solano, que lle deu a solidez necesaria ao Cartagena para frear os laranxas. Rozando o ecuador e tras a expulsión de Gabriel, tampouco puido sacar partido o Burela da superioridade. Continuaron no seu empeño os mariñáns, de novo con perigo de Joselito e Renato, pero foi Fernández o que puido ampliar no 35, con 1-4. Respondeu o Pescados Rubén con xogo de cinco, con Xande. Pixote no 38 conseguiu reducir a fenda. Xande tivo o terceiro a sete para o final, pero non puido controlar ante Raúl.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Lucho, Luisma, Renato, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Joselito, Pixote, Xande, Pitero, Eto'o, Pope

Jimbee Cartagena FS: Raúl, Franklin, Juanpi, Jesús, Fernández, cinco inicial; tamén xogaron Solano, Attos, Gabriel, Mellado, Josema, Cobarro

Goles: 0-1, minuto 3, Fernández; 0-2, minuto 7, Mellado; 0-3, minuto 12, Mellado; 1-3, minuto 12, Pope; 1-4, minuto 35, Fernández; 2-4, minuto 38, Pixote

Árbitros: García Donas // Moreno Millán. Por Burela amarela a Lucho (minuto 15), Eto?ou (minuto 26), Edu (minuto 30). Por Cartagena amarela a Juanpi (minuto 19), Gabriel (minuto 26 e 30)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 15 -aprazada de decembro- de Primeira División disputado en Vista Alegre ante uns 800 espectadores/as
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores