Noticias
20 de febreiro de 2020
A volver puntuar fronte a Peñíscola
O Pescados Rubén Burela FS xa sabe o que é gañar a Servigroup Peñíscola e pelexará ata a extenuación por repetir guión este venres no municipal da localidade valenciana para pechar con boas sensacións esta semana de máxima esixencia e recuperar alento no soño laranxa. A cita da xornada 22 está prevista para as 21.00 horas.

Este será o cuarto compromiso para os de Juanma Marrube en tan só dez días, tras o desprazamento de Copa do Rei a Barcelona, a visita de ElPozo a Vista Alegre e a saída a Valdepeñas. “Foi unha semana moi dura de competición. Esperamos que nos pase a menor factura posible, aínda que é difícil non acusar o cansazo e que non aparezan molestias, máis ou menos preocupantes” advertía Pope, facendo referencia tamén á retirada de Matamoros o martes ante Valdepeñas por unha forte dor no xemelgo; o 10 burelista está pendente das probas que realizará mañá, grazas ás facilidades brindadas polos servizos médicos do Peñíscola FS.

“É un equipo novo, coma nós. Leva o partido a idas e vindas, cun ataque bastante rápido e eficaz e con defensa bastante ordenada. Váinolo poñer moi difícil, saca moitos puntos na casa” advertía o 14 laranxa, dunha pista na que só conseguiron vitorias Levante e Valdepeñas, con 6-7 e 4-5 respectivamente, ademais dos empates de Aspil (4-4) e Jaén (3-3); o punto dos xienenses é o único que escapou do municipal de Peñíscola nesta segunda volta.

Os mariñáns sumaron a primeira vitoria na elite fronte a Peñíscola, con 2-1, que ocupa agora mesmo a décima praza, con 25 puntos. “Agardamos un partido igualado, similar ao da primeira volta, aínda que nesta ocasión serán eles os que teñan o apoio da súa afección e iso moitas veces supón máis dun gol e ata os tres puntos” advertía o peche catalán da escuadra que dirixe un gran coñecido das filas do Pescados Rubén, Juanlu Alonso, que recibirá aos galegos co gran triunfo, 3-2, ante todo un Palma Futsal.

O conxunto do Mariskal, que xa viaxou o martes desde Valdepeñas a Peñíscola, realizará o último adestramento mañá ás 11.00 no municipal da localidade valenciana.

Expedición Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 9. Pitero, 10. Matamoros, 12. Renato, 13. Pixote, 14. Pope, 15. Xande, 16. Eto'o, 22. Álex Diz, 24. M. Kaluza
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores