Noticias
15 de febreiro de 2020
Pescados Rubén 1-5 ElPozo
O Pescados Rubén Burela FS non puido facer fronte hoxe á pegada de ElPozo Murcia (1-5). Os pupilos de Juanma Marrube non conseguiron aproveitar uns excelentes primeiros dez minutos e tocoulles sufrir en exceso, con vantaxe de 0-3 ao descanso para os levantinos. Mellorou en defensa o conxunto galego no regreso ao parqué e reduciu distancias no ecuador do segundo acto, pero o 1-4 fixo demasiado dano. Por diante toca outra semana de dobre compromiso para a Alma Laranxa, con desprazamentos ás pistas do Valdepeñas, o martes, e Peñíscola, o venres. Os burelistas pechan a xornada 21 coa preocupación de Pope, retirado do encontro con fortes dores nun ombreiro tras unha caída.

Os do Mariskal saíron a por todas, buscando desde a bucina inicial a portería e as primeiras ocasións, sen dúbida, foron laranxas. Pixote no 3 tivo unha das máis claras. A primeira con perigo nas filas murcianas protagonizouna Fernando, intentando sorprender a M. Kaluza, pero aí estaba a man prodixiosa do polaco para variar a traxectoria do esférico. Lucho a punto estivo de bater a Espíndola ao bordo da área nun pase longo de Joselito; cumpríase o sete de xogo. O andaluz volveu facer acto de presenza con moito perigo no 8 en contragolpe; tamén dispuxo de dúas de ouro Renato de estratexia. Con todo foi ElPozo o que conseguiu a iniciativa no 9, a través de Paradynski, recibindo ao bordo da área fronte a Michal. No 15, os levantinos ampliaron a súa vantaxe con pase de Andresito ao segundo pau para Alberto García. Xande non puido gañar o man a man acto seguido ante Espíndola para reducir distancias e Paradynski volveu ver portería no 18 para subir o 0-3, cun disparo cruzado ante a banda.

Na segunda parte, o Pescados Rubén soubo refacerse en defensa, mitigando a ofensiva de ElPozo. Kaluza freou as intencións envelenadas de Andresito no 25 e Fernando estrelouse contra o pau no 26. Pelexaron os burelistas pola recuperación con dobre tentativa de Álex Diz, ao bordo da área, e Joselito de lonxe. Xogando en superioridade tras a dobre amarela a Alberto García, os de Juanma Marrube atoparon o gol que merecían; Matamoros sentenciou con penalti tras amoestación a Espíndola. O minuto de ouro do partido foi o 32; o traveseiro evitou o cuarto dos de Giustozzi e Espíndola freou as tentativas de Joselito, en galopada, e Pixote. Os galegos non atopaban fortuna; o gol volvíase resistir no 35, de novo con Pixote. No 37, Joselito saltou como porteiro xogador tras o 1-4, de Marcel, que fixo moito dano nas filas mariñás. O quinto dos visitantes chegou nos últimos compases cun pase longo de Espíndola que rozou Paradynski de cabeza, a porta baleira.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Matamoros, Renato, Pixote, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Joselito, Lucho, Luisma, Xande, Pitero, Pope

ElPozo Murcia Costa Cálida: Carlos Espíndola, Felipe Valerio, Marcel, Matteus, Paradynski, cinco inicial; tamén xogaron Alberto García, Andresito, Darío, Fernando, Leo Santana, Altamirano

Goles: 0-1, minuto 9, Paradynski; 0-2, minuto 15, Alberto García; 0-3, minuto 18, Paradynski; 1-3, minuto 30, Matamoros; 1-4, minuto 37, Marcel; 1-5, minuto 40, Paradynski

Árbitros: Del Pozo García // Moreno Durán. Por Burela amarela a Xande (minuto 28), Luisma (minuto 29). Por ElPozo amarela a Matteus (minuto 9), Felipe Valerio (minuto 10), dobre amarela a Alberto García (minutos 28 e 29),Espíndola (minuto 30).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 21 de Primeira División disputado en Vista Alegre unhas 1100 persoas.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores