Noticias
13 de febreiro de 2020
A Alma Laranxa fronte a ElPozo no regreso da Liga
A liga regresa este sábado, con outro compromiso de desafío máximo para o Pescados Rubén Burela FS. Tras rozar onte a proeza en cuartos de Copa do Rei en Barcelona e cun só penalti como escollo insalvable, a Alma Laranxa retomará a liga fronte ao outro titán, ElPozo Murcia Costa Cálida. A Bomboneira vestirá as súas mellores galas o sábado para a xornada 21 de Primeira, a partir das 18.30 horas, para arroupar coma nunca a un equipo humilde que vén de demostrar que pode tutear aos grandes e sen complexos.

“A Copa era un premio. Estivemos moi preto da final four; xogamos moi ben, soubemos sufrir, viuse un Burela con garra e con orgullo. Este partido reforza a nosa identidade como un equipo sólido e competitivo. Isto é o que temos que trasladar á liga para conseguir a permanencia”, así confesaba unha das últimas incorporacións laranxas e autor dun dos tantos galegos no Palau, o brasileiro Xande, que chegou dos seus compromisos coa Selección Uruguaia o martes para sumarse á expedición copeira: “Para min é sempre unha honra defender a Celeste, non puidemos conseguir a clasificación para o mundial, pero rendemos a un alto nivel e eu puiden adquirir ritmo para reincorporarme mellor ao traballo do Pescados Rubén. Viña con confianza e puiden xogar máis minutos do que realmente esperaba. Foi un gran partido co gran ambiente do Palau”.

ElPozo saltará ao parqué na cuarta praza (37 puntos) con ganas de recuperar o triunfo tras o 2-0 na pista do Palma antes do descanso e mellorar así os números a domicilio, con 5 das súas 6 derrotas lonxe da casa. “É un dos grandes, pero creo que podemos conseguir puntuar na casa, ofrecendo tanto a versión de onte en Copa coma a de aquí contra Movistar”, advertía o novo 15 burelista, incidindo no reforzo do equipo tras o seu paso por Barcelona a pesar do cansazo.

Os pupilos de Juanma Marrube volverán aos adestramentos esta tarde, ás 15.40. A última sesión está prevista para mañá ás 9.30 en Vista Alegre. Pola súa banda, ElPozo tamén adestrará mañá, en Marzán, ás 12.00 horas.

Venda anticipada para Non Soci@s. A venda anticipada para non soci@s estará aberta ata mañá, venres, ás 14.00 horas, na sede do club.

PREZOS NON SOCI@S

0-5 anos: Gratuíto (recollida de entrada no pavillón)
6-17 anos: 5 euros
Adult@: 12 euros

SOCI@S

Gratuíto


Rivais directos. Pelexando por saír da zona de perigo (10 puntos), o duelo entre Aspil Jumpers (11 puntos) e Zaragoza (13 puntos), previsto para o sábado á mesma hora, tamén pode influír nos intereses laranxas.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores