Noticias
25 de xaneiro de 2020
Regresa a solidez defensiva en Majadahonda (0-2)
As Guerreiras continúan paso a paso. O Pescados Rubén Burela FS subiu unha vitoria máis esta tarde, na xornada 18, recuperando un dos seus sinais de identidade, a solidez defensiva, deixando a cero a portería ante Majadahonda Afar4 (0-2).

Ás pupilas de Julio Delgado custoulles máis do esperado nunha pista que engachaba moito na circulación de balón e cuns primeiros minutos nos que quizais as mariñás pecaron de horizontalidade fronte a un equipo local que só o intentou con disparos afastados. Co encontro controlado, a iniciativa no luminoso resistiuse ata o minuto 11, nunha recuperación e transición rápida que finalizou Jenny. Con esta vantaxe, o cadro laranxa intentou o cambio de dinámica con xogo de cinco pero non obtivo recompensa.

As burelistas regresaron á pista para dar tranquilidade a un marcador curto e traizoeiro. No 31, Jenny Lores asinou o 0-2 ao segundo pau tras roubo de Dany. Majadahonda quixo recuperarse na recta final con xogo de cinco, sen finalización.

Ficha técnica

FS Majadahonda Afar4: Laura, Celia, Verónica, Sheila, Mónica, cinco inicial; tamén xogaron Malika, Desireé, Carmen, Gloria, Laura

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Jenny, Ale de Paz, Luci, Jenny Lores, cinco inicial; tamén xogaron Lara Balseiro, Cilene, Dany, Bea Mateos, Jane, Cristina

Goles: 0-1, minuto 11, Jenny; 0-2, minuto 31, Jenny Lores

Árbitros: Mayo López // Panadero Díaz-Concha. Por Majadahonda amarela Malika (minuto 19), Sheila (minuto 34)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 18 de Primeira División disputado en La Granadilla.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores