Noticias
25 de xaneiro de 2020
O ex do Burela Álex Glez. salva o Movistar do vendaval laranxa
Vista Alegre luciu as súas mellores galas esta tarde nun espectacular ambiente, dentro e fóra da pista, coa visita do Movistar Inter FS (1-2). O ex do Burela Álex Glez. converteuse no gran protagonista para manter a recado os tres puntos do líder fronte a un Pescados Rubén que demostrou valentía e coraxe ante o campión de campións. A pesar do 0-2 en contra, os de Juanma Marrube reduciron distancias no comezo da segunda parte e brindaron á Bomboneira das mellores ocasións un ímpeto e empurre encomiables ante un Movistar con reaccións esporádicas e falta de regularidade.

Ata de tres ocasiones dispuxeron os laranxas no minuto 2, de estratexia. A Álex Diz fóiselle alta, pouco despois o ex do Burela Álex González desfixo as tentativas de Mata e de novo de Diz. Aínda non se cumprira o 3 de xogo cando Gadeia, na primeira de Movistar, puxo o 0-1. Kaluza freou ao bordo da área a Borja no 4 e volveu aparecer para desartellar o roubo interista a Joselito no área mariñá, no 6. Ricardinho ampliou a vantaxe no 9, nun saque de banda que deixou ao maxistral 10 só ante o meta burelista. No 11 Xande, no seu debut en Vista Alegre, non puido aproveitar ao segundo pau o gran pase de Álex Diz para reducir distancias. Recuperaron o perigo os de Juanma Marrube sobre a rede visitante no 15, de novo co 22 galego que acabou nas mans do meta interista. Xande, a balón parado, e Joselito, non puideron bater o porteiro madrileño na recta final. Álex González volveu ser o verdugo no rexurdir laranxa, fronte a Xande e Renato antes do descanso.

Renato e Borja foron os protagonistas no reinicio sobre ambas as redes, antes do 22. O pau mantivo o electrónico sen alteración no 23, de novo con Borja, de estratexia. O Pescados Burela FS provocou o estalido na Bancada Laranxa pouco despois; intentouno Luisma sen éxito, pero o 6 laranxa serviullo no 24 a Joselito para rubricar o 1-2. A Bomboneira creu no empate no 28, con Pixote, pero non puido ser. O brasileiro volveu protagonizar a escasos segundos unha galopada que despexou Álex González co pé. Tamén tivo Xande un man a man na área interista, sen éxito. Definitivamente o meta exburelista non estaba disposto a deixar nadiña de nada ao azar; volveu frear a Diz antes do ecuador da segunda parte. Estábano merecendo os do Mariskal e de novo o pau desartellou o potente disparo de Renato. Kaluza, coa cara, freou o terceiro, de Ricardinho. Recital de aparicións protagonizou o madrileño na súa antiga casa; no 31 salvou aos seus de novo un balón alto de Matamoros. A quenda interista baixo paus tampouco obtivo recompensa; Bebe non puido chegar ao pase no 33, o pau freou a Borja no 34 e Kaluza saíu vitorioso ante Pito no 35.

Con case tres minutos por diante, Joselito enfundouse na camiseta amarela para ir polo gol e tiveron o empate, e moi claro, a 14 segundos para o final ante un Álex González que volveu aparecer fronte Joselito e, no rexeite, a Diz.

Sen dúbida, hoxe o Pescados Rubén gañou en tenacidade, perseveranza e sobre todo en alma, para seguir medrando na mellor liga do mundo.


Amigable co Xapón para o descanso ligueiro. O conxunto de Juanma Marrube recibirá a Selección do Xapón en Vista Alegre, o martes 4 de febreiro (20.30 horas), no descanso de liga das próximas dúas semanas. O combinado nipón visitará Galicia antes de disputar o AFC Futsal Championship (26 de febreiro-8 de marzo) en Turkmenistán e que será clasificatorio para o Mundial de Lituania 2020. Ferrol será o destino do seu stage, co Parrulo e O Esteo como outros dos seus rivais.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Joselito, Matamoros, Renato, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Luisma, Pope, Pixote, Xande

Movistar Inter FS: Álex González, Raya, Borja, Gadeia, Pito, cinco inicial; tamén xogaron Ortiz, Marlon, Bebe, Elisandro, Ricardinho, Bruno Iacovino

Goles: 0-1, minuto 2, Gadeia; 0-2, minuto 9, Ricardinho; 1-2, minuto 24, Joselito

Árbitros: Felipe Madorrán // Urdanoz Apezteguia. Por Movistar amarela a Marlon (minuto 24), Pito (minuto 29), Elisandro (minuto 35)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 19 de Primeira División disputado en Vista Alegre unhas 1300 persoas.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores