Noticias
23 de xaneiro de 2020
Todo a punto para o espectáculo
Este sábado, a xornada 19 de Primeira Masculina preséntase en Vista Alegre como o partido do ano, puro espectáculo, coa visita do campión de campións Movistar Inter (18.30 horas) á Mariña.

“Para nós é un partido moi importante, coma todos os da casa. O noso obxectivo e mentalidade son os mesmos, sairemos a por todas para puntuar e seguir facendo forte Vista Alegre” explicaba Álex Diz, recoñecendo a entidade titánica do rival. No entanto, o 22 burelista apela á Alma Laranxa para facer ben as cousas: “Temos que ser consecuentes co noso traballo e a nosa filosofía. Sabemos que é un reto maiúsculo, o Movistar está nunha escala superior, pero na casa xa demos a cara ante grandes como Xota, Palma ou Jaén e estamos competindo” advertía o lugués, agradecendo de anteman o ambiente que merece esta cita: “Sabemos que o pavillón estará cheo e animando en todo momento. Iso dános máis moral para seguir medrando e fortalecernos aquí”.

A última sesión da semana está prevista para mañá, ás 9.30 horas, en Vista Alegre. Os brasileiros Xande e Pixote poderán debutar na Bomboneira.

Venda de entradas

A venda anticipada estará aberta na sede do club (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entreplanta, Burela) ata o venres, día 24, ás 14.00 horas. A taquilla de Vista Alegre abrirá ás 17.15 horas; a partir das 18.00 horas as entradas de soci@s poderán liberarse.

PREZOS DE SOCI@S
0-5 anos: Gratuíto (recollida de entrada no pavillón)
6-17 anos: 1 euro
Adult@: 5 euros

PREZOS NON SOCI@S
0-5 anos: Gratuíto (recollida de entrada no pavillón)
6-17 anos: 10 euros
Adult@: 20 euros



Laranxas con Polonia e Uruguai. O domingo M. Kaluza e Xande partirán con rumbo a compromisos de seleccións, con Polonia e Uruguai respectivamente. Os internacionais estarán de regreso para o compromiso de cuartos de Copa do Rei, o 12 de febreiro, na pista do FC Barcelona.

Febreiro, intratable. Tras a cita con Movistar, os laranxas terán dúas semanas de descanso ligueiro, antes de arrincar un mes repleto de encontros e de máxima esixencia. “Virán ElPozo e Barcelona, tamén teremos que ir ao Palau por Copa do Rei e visitaranos O Parrulo en Copa Galicia. Van ser unhas semanas moi intensas; aproveitaremos estas dúas para seguir traballando e adaptar os cambios de equipo, cos novos reforzos” adiantaba Álex Diz.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores