Noticias
5 de decembro de 2019
Duelo de iguais en Tudela
O Pescados Rubén Burela FS buscará este sábado (18.30 horas) a primeira vitoria lonxe de Vista Alegre, nun duelo de iguais. O Aspil Jumpers Ribera Navarra espera os mariñáns na antepenúltima praza, con tres puntos máis que os de Juanma Marrube.

“É un partido moi importante para os dous equipos. Enfrontarémonos a un rival directo, un equipo moi competitivo nunha gran pista” advertía Everton do Aspil, que busca afastarse da zona de perigo nese triplo empate con Zaragoza e Santa Coloma, aínda que os números non reflicten precisamente que o seu feudo sexa a súa máxima fortaleza; tan só conseguiron puntuar co triunfo ante O Parrulo (2-0).

Ambas as escuadras chegan á xornada 12 de Primeira Masculina co ronsel do empate. Mentres os galegos frearon a todo un Jaén Paraíso Interior (2-2), os navarros fixeron o propio ante Córdoba (3-3), nunha cita acuciante pola mingua de efectivos.”Temos que poñer en práctica todo o traballo da semana e traer os tres primeiros puntos fóra da casa. Estamos dando a cara, dominando en moitos momentos dos partidos, pero fáltanos chegar con máis contundencia a portería. O noso obxectivo é manter esa intensidade, o plan de partido e facer desaparecer o que nos penaliza de cara a portería”, explicaba o 20 burelista, buscando dar continuidade ao seu crecemento e evolución.

Na expedición laranxa viaxarán todos os efectivos, salvo os lesionados Iago Míguez e Amoedo. O meta M. Kaluza chegou onte a Burela, tras defender esta semana, nunha convocatoria máis, a Polonia nos seus compromisos ante Serbia, con 1 vitoria (4-1) e 1 derrota (3-5).

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 7. R. Vargas, 9. Pitero, 10. Matamoros, 11. Juanfran; 12. Renato, 14. Pope, 20. Everton, 22. Álex Diz, 24. M. Kaluza


Mércores 11, Copa do Rei

Os pupilos de Juanma Marrube farán un descanso en liga para medirse o vindeiro mércores, 11 de decembro, a O Esteo (As Pontes, 20.30 horas) en dezaseisavos de Copa do Rei, antes da visita do Palma Futsal, o venres 13.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores