Noticias
21 de novembro de 2019
Arrecendo irmandiño na mellor Liga
Ao asalto da Malata. Así se prepara o Pescados Rubén Burela FS para a xornada 10 de Primeira, na cita de arrecendo irmandiño, fronte ao Parrulo FS. O derbi, previsto para o sábado ás 19.00 horas, poderá seguirse en directo a través de TVG2.

Os pupilos de Juanma Marrube teñen por diante a pugna de tres puntos moi importantes nun compromiso especial. No desprazamento máis próximo, con aire galego e ante unha escuadra de coñecidos. Tras o empate con Zaragoza, os da Mariña buscarán dar continuidade ás boas semanas de traballo, efectivos e calidades. “Sabemos que vai ser moi complicado. Levamos unhas semanas moi boas de traballo e de adestramento. Puntuar dúas semanas seguidas sería moi bo para a moral do equipo e aínda máis gañar, dando un pequeno gran paso cara aos postos de menos perigo” explicaba a Xoia Laranxa, Pitero, facendo fincapé na solidez do equipo como local e na complexidade que presenta aos rivais.

O Parrulo dos ex burelistas Hélder, Iago Rodríguez ou Miguel Muñoz recibirá o Pescados Rubén Burela FS na décima praza, con 11 puntos conseguidos ante ElPozo (xornada 1, 3-2), Zaragoza (xornada 4, 2-4), Cartagena (xornada 5, 2-2), Jaén (xornada 6, 6-3) e Palma (xornada 8, 2-2). Os 5 puntos dos laranxas súmanos os empates con Levante (xornada 3, 1-1) e Zaragoza (xornada 9, 2-2) e a vitoria con Peñíscola (xornada 7, 2-1). Pitero foxe de favoritos para a cita: “A clasificación non se mira en cuestión de derbis. Agardamos un partido moi igualado no que os detalles serán determinantes. Estaremos ante un equipo que exerce moita presión e que medra co ambiente da súa casa. Nós temos que seguir na liña dos últimos encontros, estamos no bo camiño, e podemos conseguir os tres puntos na Malata” adiantaba o novísimo 9 burelao, pletórico co seu regreso ás pistas hai dúas semanas e co seu debut na máxima categoría, tras a pubalxia que o mantivo afastado case once meses: “Estou feliz por volver xogar e axudar os compañeiros. Pouco a pouco vou collendo ritmo e disputando minutos. Espero estar cada vez mellor e poder contribuír con máis de min ao equipo”.

O cadro de Juanma Marrube realizará a última sesión da semana mañá pola mañá e porá rumbo á Malata o sábado, tras o xantar.

Edu, na Gala do Deporte de Narón 2019

O meta Eduardo Saavedra, xa case toda unha institución na portería laranxa, asistirá mañá á Gala do Deporte de Narón 2019 (Pazo da Cultura, 21.00 horas), nominado como mellor deportista da súa terra natal.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores