Noticias
24 de outubro de 2019
Un Roldán con boas sensacións chega a Vista Alegre
Vista Alegre acollerá este sábado a sétima xornada de Primeira División Feminina coa visita do STV Roldán FSF, un equipo que chega con boas sensacións tras recuperar a vitoria a semana pasada na casa, ante o Sala Zaragoza. As Guerreiras Laranxas saltarán ao parqué ás 18.30 horas para defender a súa imbatibilidade e traxectoria impoluta, compartida con Futsi Atlético Navalcarnero e Ourense Envialia.

Para o Pescados Rubén Burela FS será o segundo compromiso da semana, tras clasificarse para semifinais de XIV Copa Galicia onte na pista do Castro Bloques Cando (1-11): “Foi un partido con connotacións diferentes á liga fronte a un rival de Segunda División. Soubemos manexalo impoñendo o noso ritmo de xogo, aplicando certos detalles que nos indicaron Julio e Lucas e ao final saíu todo ben, cun bo traballo. Veunos ben; puidemos traballar en cousas que faltaban, con cambios nas xogadoras e con probas no ritmo” explicaba a 3 laranxa, Dany.

As murcianas recalarán na Mariña na oitava praza, con 9 puntos e un partido menos, nunha traxectoria intermitente de vitorias, nas xornadas 2, 4 e 6 (Cidade dás Burgas 1-3, Xaloc Alacant 1-2 e Sala Zaragoza 2-0): “É un adversario que virá disposto a pelexar polos tres puntos. Temos que manter a nosa liña de xogo, con moita intensidade e cumprindo co que se nos require na pista. Roldán perdeu xogadoras importantes pero non cambiou a súa filosofía, un equipo que loita ata o último minuto”, advertía a brasileira, centrándose na fortaleza do grupo: “Temos que seguir traballando como equipo, como estamos facendo día a día, sen necesidade das individualidades. Esta tempada é unha competición diferente. Non sabemos o que nos deparará o final, polo momento o inicio é o esperado, xunto á boa liña de Ourense e Futsi, pero temos que manternos así con traballo desde o primeiro partido ao último e coa mentalidade gañadora” reflexionaba a pivote canarinha.

O cadro completará a semana mañá pola mañá coa última sesión en Vista Alegre, ás 11.00 horas. A brasileira Jane arrastra unhas pequenas molestias polas que xa non participou en Copa Galicia.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 11. Jane, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 17. Ale de Paz, 19. Luci, 21. Jenny Lores
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores