Noticias
22 de outubro de 2019
Dobre cita de Copa Galicia (mércores 23, 21.00 horas)
O Pescados Rubén Burela FS xa ultima detalles para a dobre cita de Copa Galicia prevista para mañá. Na vixésimo novena edición masculina, os pupilos de Juanma Marrube enfrontaranse a domicilio en cuartos de final ao Xove FS, de Segunda B, e na décimo cuarta, feminina as Guerreiras visitarán a pista do Castro Bloques Cando, de Segunda. Ambos os compromisos arrincarán ás 21.00 horas.

Derbi mariñán

Os laranxas reeditarán o duelo de cuartos con arrecendo mariñán no municipal de Xove case un ano despois. Na súa estrea na elite, o Pescados Rubén medirase a un rival que colidera o Grupo 1 da Segunda B, con 13 puntos, xunto a Atlético Benavente. Á parte de Iago Míguez, Pitero e Amoedo, Juanma Marrube non disporá de M. Kaluza, inmerso nos compromisos coa Selección Polaca na rolda principal do Mundial FIFA 2020; entrará na convocatoria o porteiro xuvenil Bruno García.

Os laranxas chegan a esta eliminatoria tras impoñerse 2-11 a Concello de Begonte e 4-10 a Ribeira FS. Os de Xove, pola súa banda, superaron a Praias de Barreiros (1-1) e Valdesuso Peugeot Vilalba FS (2-5).

Peche da fase de grupos


O conxunto de Julio Delgado e Lucas disputará o segundo e último partido da fase de grupos na casa do Castro Bloques Cando, que ocupa a sexta praza de Segunda, con 6 puntos. As actuais campioas de Galicia xa se impuxeron ao primeiro obstáculo, o Valdetires Ferrol FSF por 9-1. A excepción de Cris Pérez –na recta final da súa recuperación-, o cadro burelista estará ao completo.

Con pouco descanso, o equipo volverá o xoves pola tarde aos adestramentos para seguir preparando a xornada 7 de Primeira, coa visita do STV Roldán FSF o sábado, ás 18.30 horas, a Vista Alegre.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores